A plataforma de É-saúde integra a Carpeta Persoal para rexistrar datos de saúde e poder compartilos cos sanitarios

luns, 23 de maio do 2022 Marcus Fernández

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a Carpeta Persoal de Saúde, unha plataforma onde a cidadanía pode xestionar datos sobre a súa saúde e compartilos cos profesionais sanitarios. Deste xeito, os galegos poderán rexistrar na súa Carpeta Persoal, accesible dende É-saúde, datos introducidos manualmente ou recollidos automaticamente dende dispositivos ou aplicacións que o cidadá emprega para monitorizar a súa saúde, como por exemplo: pulsímetros, básculas, pulseiras de actividade, reloxos intelixentes, etc. Tamén poderá rexistrar información sobre aspectos clave relacionados coa súa saúde, como poden ser alerxias, antecedentes familiares, tratamentos, etc.
Xunto ao anterior, poderá rexistrar outros documentos como imaxes ou informes e probas diagnósticas que o paciente puidese realizar en diferentes provedores de saúde.
A plataforma permite que a cidadanía decida a información que quere compartir cos profesionais sanitarios e facerlla accesible. O profesional pode acceder dende IANUS ao apartado de historia clínica persoal e consultar a información da Carpeta Persoal de Saúde do paciente que estea a compartir. Ademais, os documentos compartidos polo doente poder ser incorporados polo profesional á historia clínica.
É-saúde renova ademais a súa contorna gráfica adaptándoa aos novos dispositivos móbiles e facéndoa máis sinxela.

PUBLICIDADE