A plataforma da galega Denodo é elixida polo Departamento de Vivenda dos EE.UU.

mércores, 2 de outubro do 2013 Redacción

O galego Ángel Viña, máximo responsábel de Denodo

A compañía coruñesa Denodo Technologies, especializada en servizos de virtualización de datos, vén de ser elixida polo Departamento de Vivenda e Desenvolvemento Urbano dos Estados Unidos (HUD), en colaboración coa Oficina do Inspector Xeral, como plataforma de cara a achegar do xeito máis rápido unha visión unificada de diversas fontes de datos aos seus sistemas de información e análise predictivo. Dito doutro xeito: a axencia do Goberno estadounidense aposta por Denodo para un control total dos datos de créditos e os seus mecanismos de predición e detección de fraude.
Así, cun mellor coñecemento destes sistemas, fortalecerase a capacidade de HUD-OIG para identificar e previr actividades fraudulentas. Con este dispositivo ao HUD seralle moi doado detectar con anticipación créditos de alto risco realizados polas entidades acreditadas pola Administración Federal da Vivenda (FHA) de EE.UU. E que agochan as siglas “HUD”? Pois HUD, é o departamento do gabinete do Goberno Federal dos Estados Unidos, creado en 1965 para desenvolver e executar políticas en materia de vivenda, aumentar o acceso a vivendas alcanzables, fortalecer as comunidades mediante o desenvolvemento económico, combater a discriminación na vivenda e abordar a resolución de problemas aos colectivos sen fogar. Asemade, dentro deste departamento, a Oficina do Inspector Xeral (OIG) existe como entidade independente creada por lei, cuxa misión é detectar e previr a estafa, o malgasto e o abuso e promover a economía e a eficicacia das operacións de HUD. Isto acádase mediante a realización e supervisión de auditorías, investigacións e inspeccións en relación cos programas e operacións de HUD.
Que HUD-OIG adoptase a plataforma de virtualización de datos Denodo permitirá a estes dous organismos dispor dunha visión consolidada de datos dispares e que se estenden a través de centos de fontes estruturadas e non estruturadas (incluíndo Oracle, SQL Server, Lotus Notes, arquivos VSAM, etc). O obxectivo perseguido por ambas as entidades era lograr unha vista unificada e un acceso normalizado a toda a súa información interna, así como a fontes de datos externas doutras axencias federais e datos provenientes da web.
Engaden dende HUD-OIG que optaron pola virtualización de datos da Plataforma de Denodo, por ser esta a única tecnoloxía que lles achegaba a capacidade de unificar todas as súas fontes de información, estandarizar o acceso aos consumidores de datos e minimizar a duplicación. Este despregamento permitiralles reducir custos, ao diminuír os esforzos manuais de extracción de datos, e entregar información oportuna e completa aos usuarios e consumidores dos sistemas.

PUBLICIDADE