A plataforma Mercarianxo.gal colle impulso con máis visitas e máis incorporacións

xoves, 18 de marzo do 2021 S. P.

A plataforma de comercio electrónico Mercarianxo.gal, habilitada pola Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) en colaboración co Concello, continua o seu proceso de crecemento, tanto de servizos como de integrantes. Segundo compartiu a ARE, estas semanas experimentou un notábel incremento de novos comerciantes que decidiron adherirse ao espazo rianxeiro de marketplace. En concreto, a plataforma Mercarianxo.gal estaría representada xa (a mediados deste mes de marzo) por 32 negocios pertencentes aos ámbitos do comercio e a hostalería locais.
A mediados de marzo formalizáronse tres novas incorporacións, e estas están a producir un fluxo de movemento na páxina web, xa que “polas novidades dos seus contidos espertan de xeito importante o interese das e dos visitantes”, segundo confirmou a ARE.
Unha das fichaxes é un innovador servizo de aluguer de bicicletas que vén de botar a andar na vila rianxeira por parte de RodaRianxo. A empresa permite a todos aqueles que se acheguen a localidade “descubrir a vila pedaleando” ao mesmo tempo que se promove o uso da bicicleta entre todos os rianxeiros e rianxeiras no seu día a día.
Por outro lado, coincidindo coa primavera, Plantas Saborido vén de inaugurar a súa tenda online e, tamén, ampliouse a variedade de categorías da plataforma coa incorporación da Farmacia Cerqueiras, xa que actualmente a plataforma aínda non ofrecía produtos de parafarmacia.
Na hostalaría as incorporacións mais recentes son almorzos a domicilio.
Dende a Asociación Rianxeira de Empresarios informan que “dispor dunha plataforma deste tipo supón un traballo e esforzo continuo” e implica “emprestar moita atención a como evoluciona no día a día para ofrecer o que os usuarios demandan e tamén mellorar e desenvolver as necesidades que xorden entre os distintos vendedores”.
Actualmente a ARE está a traballar para ofrecer un sistema de envorcado de produtos para os vendedores co fin de simplificar o proceso de publicación dos mesmos. Tamén está a establecer contactos con diferentes negocios de produtos frescos e de alimentación para engadir esta nova categoría ao abeiro da páxina “permitindo así, dentro de moi pouco, poder facer unha compra completa a través de Mercarianxo.gal”.
A entidade empresarial rianxeira tamén lembra que a plataforma segue aberta, totalmente dispoñíbel, para que “calquera empresa que queira lanzarse á venda online poida facelo poñéndose en contacto coa ARE ou a través de Mercarianxo.gal para a súa incorporación”.

PUBLICIDADE