A planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo recibe a visita dunha delegación do COETG-AETG

martes, 1 de marzo do 2016 Redacción

Este luns 29 febreiro unha delegación de membros do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) visitou as instalacións en Vigo da factoría PSA Peugeot Citroën. A actividade foi organizada polo propio COETG/AETG como “continuación das accións de carácter tecnolóxico que se organizan de maneira periódica” dende a entidade profesional galega. O grupo de enxeñeiras e enxeñeiros foi recibido por Luis Babarro, responsábel de Sistemas da factoría, quen realizou unha presentación da planta achegando datos sobre o volume de coches fabricados, o número de traballadores e o posicionamento da fábrica respecto doutras a nivel internacional no referente a volume de fabricación e innovación tecnolóxica.
A continuación os representantes do COETG-AETG e de PSA Peugeot Citroën fixeron un percorrido polas instalacións do fabricante automobilístico seguindo a cadea de produción. Grazas a este itinerario, os enxeñeiros de Telecomunicación puideron visualizar a construción dun vehículo en todas as súas fases: ensamblado e montaxe, loxística e controis de calidade, entre outras. Con posterioridade á visita da fábrica os asistentes recibiron varias charlas expositivas sobre os últimos avances tecnolóxicos no sector da motor: os sistemas de comunicación e o coche conectado.

PUBLICIDADE