A piques de comezar en Celanova a rodaxe dunha webserie
luns, 8 de xullo do 2013
Temos máis proxectos
audiovisuais galegos, a promover e distribuír na Rede, dos que dar
conta. Con este comezo de semana puidemos coñecer detalles (non
moitos)
dunha webserie realizada por estudantes do grao en
Comunicación Audiovisual (Pontevedra) e que se vai presentar ao
público, de xeito oficial, no marco do Curso
de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que se celebra días
17, 18 e19 de xullo. A iniciativa, que aínda fica na súa meirande
parte en segredo (incluído o argumento e moitos detalles da rodaxe,
que aínda está pendente de comezar), conta con catro actores e
actrices da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Sábese,
iso si, que o equipo responsábel da iniciativa está a buscar
localizacións en Celanova, sendo probábel que o escenario principal
sexa unha casa rural das proximidades.
O vindeiro domingo 14
comezaran as gravacións desta webserie e o resultado poderá
verse ao remate de cada unha das tres xornadas do curso no Auditorio
Municipal Ilduara da devandita vila ourensá (AMIC).
Segundo sinalan fontes
da Universidade de Vigo, dende o primeiro intre os rapaces e rapazas
están a traballar coma profesionais. Para comezar, teñen un
orzamento pechado que eles mesmos deben xestionar. De xeito paralelo
á preprodución, os sete mozos e mozas están a traballar no deseño
e implantación dunha campaña de promoción en liña “na que as
redes sociais terán un papel determinante”. Por certo que a
estrea da serie web tamén poderá seguirse a través da web de Uvigo
TV.