A páxina web de Meteogalicia incrementou as súas visitas un 25% durante 2012

luns, 11 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Nestes días de inverno e nevaradas pola xeografía galega somos conscientes da importancia que ten a información meteorolóxica no noso día a día, de aí que sexa un bo momento para botar un ollo ao referente da nosa comunidade a tal respecto, Meteogalicia, que fixo balance da súa presenza na Internet durante 2012, concluíndo que incrementou as súas visitas un 25% con respecto ao ano anterior, con 6.981.747 visitantes, cunha media diaria de 76.500 visitas. A este incremento de tráfico vía web habería que sumar tamén as 25.000 descargas da aplicación MeteoSix Mobile, que facilita o acceso dende iOS e Android ás predicións meteorolóxicas de calquera lugar de Galicia.
A aplicación vén de incorporar widgets de tamaño pequeno (4x1)É de agardar que a senda ascendente de Meteogalicia na web continúe durante 2013, pois nas últimas semanas potenciaron tal espazo en liña con novas funcionalidades, de xeito que multiplicaron por 17 as localidades galegas das que pode obterse información (ofrecéndose tamén valoración a medio prazo de cada un dos concellos galegos).
A páxina web de Meteogalicia emprega agora novas iconas que sintetizan ao detalle o estado meteorolóxico e incorpora tamén información sobre a contaminación acústica, detalles que van enriquecendo esta plataforma informativa que tamén facilita o seu acceso a través de aplicacións e ferramentas de terceiros, para o que publican os seus datos en formatos como o RSS e o XML, de xeito que fan doada a reutilización da súa información en páxinas web, aplicacións e outros servizos.

MeteoSIX vén de estrear versión para iOS
A aplicación de Meteogalicia para dispositivos móbiles tamén goza de boa aceptación

PUBLICIDADE