A páxina Ciberdúvidas formará en portugués aos internautas

luns, 27 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A páxina Ciberdúvidas vai presentar en breve un servizo encamiñado a reforzar o estudo do portugués na Rede, sobre todo entre a rapazada e a mocidade, tanto galega como do resto dos países que queiran achegarse á cultura do noso país irmán. Segundo se conta estes días en Vieiros, a páxina incorporará todo tipo de material dirixido a tirar partido da canle na que se insire, a dixital. Deste xeito, haberá xogos interactivos sobre gramática e escrita a disposición dos internautas que logo serán sometidos a labores de corrección. Asemade, a web incluirá unha biblioteca virtual que fará máis doado este achegamento ao portugués e, máis polo miúdo, á lectura da lingua.
Segundo engade o dito xornal en liña galego, a iniciativa xa ten o respaldo do Goberno do Ministerio de Educación de Portugal, pulo que se está a materializar no subministro de recursos técnicos e humanos (de feito, xa foron enviados dous profesores para apoiar o equipo de Ciberdúvidas).

PUBLICIDADE