A partires de outubro poderase incluír o ñ nos nomes dos dominios “.es”

venres, 8 de xuño do 2007 Raquel Noya

Ata o de agora, termos como viño, castaña, camiño e mesmo España así como absolutamente tódolos diminutivos do galego (tan empregados coloquialmente) eran substantivos non aptos para poñerlle un nome a unha web debido á inevitable presenza do ñ, esa particular letra presente no noso idioma que tantos problemas nos ten causado neste senso sobre todo dende a chegada da revolución dixital.
Pero a partires do vindeiro outubro, esta situación de desprestixio do ñ así como dos caracteres propios do castelán, euskera, galego e catalán en Internet concluirá ó poder incluírse o seu rexistro nos dominios “.es”. O Goberno cumpre deste xeito o compromiso adquirido na Lei de Medidas de Impulso da Sociedade da Información que se tramita actualmente no Congreso dos Deputados.
Rede.es, entidade do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, ten asignada en España a autoridade de rexistro de dominios e vén de informar ós 62 Axentes Rexistradores Acreditados sobre a nova instrución que permitirá nomes de webs cos seguintes caracter multilingües:
• á, à
• é, è
• í, ï
• ó, ò
• ú, ü
• ñ
• ç
• l·l (l xeminada do catalán)
Para evitar posibles especulacións no rexistro de dominios “.es”, o Goberno ten prevista unha fase transitoria na que se lle dará prioridade ós actuais titulares de dominios “.es” para rexistrar as súas correspondentes versións cos caracteres multilingües anteriormente mencionados. Asimesmo, tamén se estableceron unhas normas de asignación, entre as que se prevé unha puxa pública retransmitida en directo a través de Internet para aqueles casos que teñan a mesma prioridade de asignación.

PUBLICIDADE