A partir do martes 7 xa se poden solicitar por vía electrónica as inscricións para o CELGA

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns 6 de marzo a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega CELGA 1, 2, 3 e 4. O prazo para presentar as solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, comeza este martes 7 de marzo e remata o día 27 do mesmo mes, segundo explicou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsora e organizadora destas probas de certificación do coñecemento da nosa lingua.
As ditas solicitudes presentaranse de xeito preferíbel por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta de Galicia. De maneira opcional poderán presentarse fisicamente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para cada nivel e localidade publicarase no Portal da Lingua Galega.
Pola súa parte, os exames, previstos para os meses de maio e xuño, realizaranse de forma presencial e simultánea en Santiago de Compostela, para os catro niveis, e en Ponferrada, para os niveis 2, 3 e 4. As datas concretas, así como as sedes e horarios de celebración, publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega. Unha vez realizados os exames, os resultados provisionais publicaranse no dito portal no prazo máximo de dous meses desde a súa realización.
Os certificados de lingua galega (CELGA) poden obterse a través da superación destas probas que convoca periodicamente a Xunta de Galicia ou ben a través da validación de estudos nos supostos recollidos na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, na que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

PUBLICIDADE