A palestra virtual para axudar ás empresas galegas a abrir mercado no exterior amplía os seus servizos

xoves, 15 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A plataforma dixital ByGalicia, encamiñada a impulsar a presenza das empresas galegas no eido internacional e a fomentar o intercambio comercial, vén de ampliar os seus servizos. Así o fixo saber este xoves 15 a Consellería de Innovación, engadindo os detalles básicos deste proceso de actualización e espallamento. Deste xeito, o portal (que dende a súa posta en marcha foi visitado por 23.000 internautas) incorpora unha asesoría de expertos en externalización de mercados que vai estar ó alcance da man de calquera empresa que sexa usuaria desta plataforma.
Asemade, o espazo web abrangue agora máis contidos con novos servizos de acceso a foros especializados, difusión de currículos e posta en marcha de páxinas web no eido da propia plataforma.
Sinalar que esta palestra virtual de internacionalización non só recibe na actualidade visitas diarias de empresarios e profesionais galegos, senón tamén de México, Xapón ou Australia, amais de contar con Portugal e cunha chea de usuarios do país veciño como aliados comerciais. Máis datos na web da Sociedade da Información en Galiza.

PUBLICIDADE