A operadora galega R, patrocinadora do equipo Fundación Celta Integra
martes, 9 de marzo do 2021
A
operadora R confirmou este 9 de marzo a renovación do seu convenio
coa Fundación Celta Integra, o que volve situar a compañía galega
de telecomunicacións como patrocinadora da entidade
deportivo-social. O director da Fundación Celta, Germán Arteta, e
máis o director Corporativo Empresas de R, Isidro Fernández de la
Calle, acudiron á Cidade Deportiva Afouteza, en Mos, para
inmortalizar o acordo cunha foto a carón dunha representación
reducida do equipo, “en resposta aos requirimentos de seguridade da
pandemia”.
Segundo
fixeron saber, este novo convenio dá percorrido á colaboración
entre ambas as dúas entidades, que xa se concretara nun acordo
anterior para igualmente subscribir o apoio de R ao equipo Celta
Integra, onde xogan persoas do colectivo D.I. (con discapacidade
intelectual).
Desta
maneira R xa é patrocinadora oficial do conxunto Celta Integra que
xoga en LaLiga Genuine competición de equipos do colectivo D.I
organizada por LaLiga.
Por
certo que esta vertente deportivo-solidaria da firma de
telecomunicacións achegounos
os días pasados un novo fito galego, ao confirmarse, tamén, o
patrocinio ao Deportivo LaLiga Genuine.
Germán
Arteta subliñou que “o crecemento do Celta Integra é exponencial
dende os seus inicios. A evolución das persoas que o compoñen
móstrase a través de moitos valores que nos fan sentirnos
orgullosos delas como a inclusión, a sociabilidade, a autoconfianza,
a puntualidade ou a amizade; valores que están cada vez máis
presentes e normalizan as súas vidas. Dende a Fundación Celta temos
un compromiso coa sociedade e podemos dicir que esta é a actividade
da que nos sentimos máis orgullosos. Sen empresas colaboradoras como
R alcanzar eses obxectivos non sería posíbel”.
Isidro
Fernández de la Calle, pola súa banda, asegurou que para R “é
unha honra colaborar de novo co equipo Celta Integra, desta volta
como patrocinador oficial. Este acordo resume perfectamente a nosa
aposta compartida polo deporte, pola integración social e por
valores tan importantes coma a deportividade”.