A operadora R amosa en Ourense a súa estratexia en materia de competencias horizontais

luns, 16 de abril do 2012 Redacción

A semana pasada, o Campus de Ourense acolleu unha actividade formativa que se ben non ten relación directa cos temas a tratar en Código Cero, serviu para amosar en todo detalle a experiencia laboral e humana dunha das empresas galegas máis importantes do sector das novas tecnoloxías e as comunicacións: o operador R. A andaina da firma con sede na Coruña en materia de motivación no traballo ficou ao descuberto este venres no Curso de Competencias Horizontais, que contou coa presenza de Santiago Vázquez, director de Persoas de R. Segundo fixo saber, a felicidade no eido de traballo é un dos grandes piares sobre os que debe descansar o éxito dunha empresa.
O curso contou tamén coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Ignacio Armesto, director da Área de Emprego da Universidade; e Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense. A actividade serviu entre outras cousas para identificar os moitos puntos de actividade nos que un grupo diverso de persoas, os traballadores dunha empresa, pode achegarlle beneficio e rendibilidade á propia empresa. Deste xeito, puxéronse de manifesto cualidades como a intelixencia emocional (que pode ter as mesmas vantaxes, ou máis, que a racional), a motivación, a capacidade de comunicar ou a capacidade para sermos líderes.
Foi precisamente o director de Persoas de R quen abriu a quenda de relatorios, baixo o epígrafe O sentido do traballo, facendo fincapé na importancia de “pensar no traballo como unha fonte de felicidade, porque cando te gusta o teu traballo xa non tes que ir a traballar”. Na súa opinión, é fundamental para o éxito dunha empresa que se lle atope, sentido, no seu seo, ao desenvolvemento profesional. Isto, sinalou, pode ter efectos moi positivos no rendemento laboral e, tamén, na propia felicidade dos traballadores. En base a isto, o pulo á intelixencia emocional é unha estratexia a ter moi en conta, xa que nun posto de traballo o éxito depende nun 66% desta metodoloxía, e, pola contra, nun 34% do coeficiente intelectual propiamente dito.
Logo desenvolveuse unha mesa redonda, Análise das competencias horizontais máis valoradas nos sectores produtivos galegos, que contou coas intervencións de Carlos Pena, responsable de Recursos Humanos de Pérez Rumbao; María José Fernández, directora de Persoal de Grupo Cuevas; Carlos Suárez, director xerente e conselleiro delegado de EDISA, e Santiago Taunton, director de Recursos Humanos de Coren.

PUBLICIDADE