A operación Telémaco contra a pedofilia na Rede apoiouse en tecnoloxía galega

venres, 24 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Escola de Telecomunicacións na Universidade de Vigo

Os crimes están a mudar de emprazamento, cada vez con máis presenza a través das redes, e en consecuencia son precisos novos métodos para a investigación dos novos escenarios. Nesta liña sitúase un dos traballos despregados polo Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación e o centro Gradiant: unha innovadora ferramenta que mellora a capacidade de detección e identificación de intercambios pedófilos na Rede. A aplicación, de nome VICUS, xa foi transferida á Garda Civil, a quen lle serviu xa para a imputación de 19 persoas no marco da operación Telémaco como “presuntos autores dun delito de corrupción de menores”, informa na súa web a Universidade de Vigo.
A ferramenta VICUS é froito dun ano e medio de traballo conxunto de ámbolos dous centros de investigación emprazados na cidade galega. Trátase da primeira vez en que a Garda Civil usa este recurso de procuras avanzas en redes P2P, que opera “detectando o intercambio de ficheiros informáticos con este contido en dúas destas redes”. Segundo informa a institución académica, o Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil puxo en marcha esta operación o pasado 16 de maio, detectando ata o día 24 do mesmo mes numerosos positivos no territorio español, sempre con máis de quince arquivos. “Tras un filtrado dos resultados”, engade, “obtivéronse 24 liñas de conexión en 16 provincias diferentes, co resultado de 13 persoas detidas e 6 imputadas nas últimas horas”.
A ferramenta VICUS foi fundamental nestes procesos, sobre todo grazas á rapidez que foi quen de imprimir á obtención dos resultados, cousa que non fai máis que amosar o “alto nivel da ferramenta na detección deste uso das redes peer-to-peer.”

PUBLICIDADE