A obra epistolar de Ramón Piñeiro será sometida a un proceso de dixitalización

mércores, 13 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Ramón Piñeiro e a súa obra segue no punto de mira do labor de divulgación do Consello da Cultura Galega (CCG), entidade que, por certo, o propio autor homenaxeado no Día das Letras 2009 tivo a oportunidade de presidir durante os derradeiros anos da súa vida. Dase a casualidade de que a máis recente achega do CCG en materia de promoción do legado de Piñeiro volve establecer ao autor de Láncara en sintonía cos espazos dixitais, en parte porque arestora apenas se concibe o labor cultural sen o apoio das novas canles tecnolóxicas e, tamén, porque na nosa terra dase unha máis que interesante coincidencia de festexos: o Día das Letras e o Día da Internet (ambos o día 17). Máis polo miúdo, a achega do Consello consiste, precisamente, nun labor intensivo de dixitalización. A este proceso será sometido o epistolario de Ramón Piñeiro depositado na Fundación Penzol, en Vigo, e integrado por máis de mil cartas.
A nova, dada a coñecer durante a posta en longo do cartafol e CD Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega (editado polo CCG como homenaxe a quen foi o seu primeiro presidente, Ramón Piñeiro), ten especial importancia para a cultura galega, non só porque os documentos que abrangue esta iniciativa resumen e sintetizan unha boa parte do pensamento do autor homenaxeado, senón porque achegan luz sobre os tempos nos que foron escritos e as súas circunstancias históricas. Asemade, asenta o camiño para vindeiros proxectos de recuperación do noso patrimonio pola vía das tecnoloxías. Polo que respecta ao cartafol editado pola institución, dicir que vai dirixido a favorecer o coñecemento de sete artigos e ensaios de Ramón Piñeiro sobre diferentes facetas da obra de Ramón Otero Pedrayo: lembranzas persoais, consideracións sobre a Xeneración Nós, a oratoria, a significación oteriana na cultura galega ou a súa especial relación con Santiago de Compostela. “Os textos falan tamén da relación moi próxima que tiveron ambos os dous ao longo do tempo”, salientou Ramón Villares, presidente do CCG, durante a presentación do material na sede da institución en Compostela.
Polo que respecta ao CD que incorpora a publicación, dicir que se inclúe nel a gravación da conferencia Otero Pedrayo na cultura galega pronunciada por Piñeiro en Ourense en 1976, ano da morte Patriarca das Letras Galegas.
Ramón Villares fixo fincapé en que as iniciativas presentadas constitúen só unha miúda parte das actividades que a dita institución dedicará a Ramón Piñeiro durante este ano. Salientou as xornadas Recepcións de Heidegger en Galicia a celebrar no CCG os días 3 e 4 de xuño e a participación activa da institución no congreso que sobre a figura e a obra de Ramón Piñeiro se celebrará no último trimestre deste ano.

PUBLICIDADE