A nova versión da Libon Voicefeed engade múltiples e útiles funcionalidades

mércores, 25 de abril do 2012 Raquel Noya

As persoas que viñan usando o que os seus desenvolvedores deron en chamar “buzón de voz intelixente”, é dicir, a aplicación para iPhone, Libon Voicefeed, que permitía deixar unha mensaxe de voz no contestador automático que variaba en función de quen fose a chamada entrante, xa teñen á súa disposición (na App Store) a última actualización desta aplicación, a versión 1.9, que entre outras cousas permite deixar un saúdo específico para as chamadas de números ocultos ou descoñecidos.
A nova versión permite non contestar a esas molestas e inoportunas chamadas de call centers ou números ocultos, que en ocasións provocan o enfado considerable da persoa usuaria e a perda de tempo se resulta ser unha chamada de escaso ou nulo interese.
Ademais, se o iPhone quedou sen batería ou o usuario o esqueceu na casa, este poderá igualmente consultar as chamadas ou SMS recibidas grazas a un código de acceso que proporciona a aplicación, e que permite acceder dende outro iPhone ou dispositivo con conexión a Internet, de maneira que ofrece a oportunidade de escoitar as mensaxes e responder ás chamadas que sexan importantes sen agardar a ter operativo o noso iPhone.
A maiores, a aplicación permite agora saber que outros contactos da axenda a están a usar e poder gozar así de Libon Chat, un sistema de mensaxería instantánea que inclúe a aplicación de balde para interactuar con amigos ou familiares.
A estas novas características hai que engadirlle as que xa incluía a antiga versión, que permiten personalizar as mensaxes do contestador segundo chame o xefe, a moza ou mozo, un amigo ou a avoa, por poñer un exemplo.
A aplicación segue a estar dispoñible en dúas versións: de balde e Premium, esta última ten un custe de 7,99 euros ao ano e a maiores da gratuíta ofrece un número ilimitado de grupos con saúdos personalizados; máis opcións de voces para ler as mensaxes de xeito automático; almacenamento ilimitado de todas as mensaxes de voz e notificacións enviadas ao correo electrónico do usuario co MP3 da mensaxe de voz recibida.

PUBLICIDADE