A nova sede da Deputación en Vigo será un foco de emprendemento e formación TIC
martes, 11 de febreiro do 2020
A
igualdade, a formación, o emprendemento, a innovación e a formación
tecnolóxica van ser os piares da nova sede da Deputación de
Pontevedra en Vigo, de
cuxa posta en marcha falamos os días pasados dende Código Cero,
poñendo o foco no protagonismo que terá nestas novas dependencias
do núcleo antigo vigués a iniciativa de capacitación dixital
SmartPEME. Estes e outros asuntos foron
tratados onte pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva,
durante un almorzo informativo no que debullou a programación da
nova sede. “Será un centro aberto á cidadanía e un foco de
dinamización cultural do casco vello”, dixo, ao tempo que lembrou
que no edificio xa está a pleno rendemento o
programa SmartPEME, achegando claves e recursos útiles para
emprendedoras e emprendedores, profesionais autónomos e PEME en
xeral.
A
igualdade
A
igualdade, un dos grandes obxectivos do goberno da Deputación,
estenderase ao longo de todo o ano e moito máis na semana do 8 de
marzo, ao abeiro do Día Internacional da Muller. Sen ir máis lonxe,
este 11 de febreiro, Día da Muller e da Nena na Ciencia, vaise
celebrar un encontro con mulleres do mundo da enxeñería, do Colexio
Oficial de Enxeñería de Vigo, para mostrar as contribucións das
mulleres da ciencia e afondar nas matriculacións de mulleres en
carreiras STEM, "unha das grandes preocupacións da Deputación”,
dixo Silva, que amosou a súa preocupación polo feito de que se
estean a matricular menos mozas en eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía,
Enxeñaría e Matemáticas) que hai dez anos.
Formación
A
formación e o emprendemento serán outros eixos da programación da
nova sede de Vigo da Deputación. Así, os días 13, 14, 17, 18, 19 e
20 de febreiro desenvolverase o proceso de selección ligado ao
programa europeo Labora 2020. Trátase dun programa que ten por
obxectivo impulsar 11 itinerarios personalizados para a mellora da
formación e empregabilidade “e encamiñados a acadar un
certificado de profesionalidade", asegurou a presidenta
provincial. En total en Vigo foron 250 as persoas que presentaron a
súa solicitude para participar en cursos centrados en hostalería,
dinamización do tempo libre, socorrismo que comezarán a partir de
marzo.
Tecnoloxías
A
presidenta informou que está xa en pleno funcionamento na nova sede
de Vigo o programa SmartPEME, que está a prestar asesoramento
individualizado a persoas autónomas e emprendedoras, así como a
impartir cursos de formación relacionados coas novas tecnoloxías.
Ao respecto, Silva explicou que este martes 11 de febreiro, de 18 a
21 horas, terá lugar o curso de Woocommerce: a solución que
buscabas para vender por internet; o xoves 13 de febreiro, de 19
a 21, Cámara réflex: aprende a utilizar o modo manual en
fotografía; o 18 de febreiro, de 19 a 21 horas, Inbound
Marketing; o xoves 20 de febreiro, de 19 a 21, Aprende a
elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM e o 27
de febreiro, de 17 a 19, TripAdvisor. A plataforma perfecta para a
túa empresa turística.