A nova edición do Inicia Coworking de Lugo xa voa alto

xoves, 7 de febreiro do 2019 Redacción

O Concello de Lugo inaugurou esta semana a cuarta e última edición do seu programa de traballo colaborativo, innovador e participativo. Estamos a falar do Inicia Coworking, que achega recursos, xa, a 26 persoas emprendedoras con cadanseu proxecto empresarial e innovador en fase de despegue. A iniciativa, impulsada tamén pola Escola de Organización Industrial (EOI) e con co-financiamento do Fondo Social Europeo, desenvólvese no CEI-Nodus.
O obxectivo é fornecer aos participantes (individualmente e de balde) formación, capacitación e acompañamento para a materialización definitiva das súas ideas de mercado. Asemade, unha das principais liñas de actividade do programa é subministrar adestramento tecnolóxico.
Segundo explica o Concello, a nova edición do Inicia Coworking de Lugo ten os mellores precedentes: está avalado polas tres edicións anteriores, nas que o 70% dos 58 emprendedores e emprendedoras beneficiados polo programa teñen a día de hoxe o seu negocio en marcha e facturando. O Goberno local tamén salienta a vontade do programa de romper barreiras de igualdade, xa que máis da metade destas empresas foron impulsadas por mulleres.
A cuarta edición celebrarase até ata xuño. Arrincou co obradoiro sobre metodoloxía Lean Startup, impartido por Ana López. Os 22 proxectos emprendedores están relacionados coas seguintes temáticas: barbería, spa e tatuaxes, tecnoloxías online sobre gastronomía e turismo de Lugo, deseño de proxectos arquitectónicos para espazos educativos, análises de biomateriais, realización de xestións, recuperación de espazos naturais para fins museísticos, ferramentas TIC para control de stocks, personalización de prendas de vestir, educación innovadora para escolas infantís, consultoría, hixiene bucodental, roupa infantil de deseño, palés de madeira personalizados, xogos de artes inspirados no Camiño de Santiago, xogos con lectores, distribución de produtos ecolóxicos para limpeza, restauración de pezas, deseño sobre cerámica, barbería e estética, cerrallería, preparación de comidas ou SEO (posicionamento) en redes sociais.
O de Lugo é un dos máis de medio cento de espazos de coworking que a EOI ten en España para emprender, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos mellores proxectos empresariais presentados. Conta cun orzamento de 800.000€, co-financiados polo Concello e a Escola de Organización Industrial.

PUBLICIDADE