A nova edición do Criterium Aeronáutico de Lugo acollerá carreiras de drons

mércores, 12 de xullo do 2017 Redacción

O aeródromo das Rozas, en Lugo, vai acoller a duodécima edición dun acontecemento que serve de escaparate ao máis avanzado en materia de aeronáutica. De feito, quen queira actualizar coñecemento en materia de tecnoloxías para drons e UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés) e das súas capacidades, vai ter no dito evento unha boa oportunidade para facelo. Porén, a xuntanza acolle tamén percorridos polo onte, o hoxe e o mañá de todo tipo de aparellos de voo. Tamén haberá demostracións, carreiras de drons, chimpos en paracaídas e xogos para nenos. Estamos a falar do XII Criterium Aeronáutico, que conta co apoio da Deputación de Lugo (que é o principal patrocinador e que anunciou hoxe a achega de 10.000 euros para o seu desenvolvemento) e do Concello.
A cita foi dada a coñecer polo deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a carón da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, do presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luís Abelleira, e do xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero Méndez. O evento, organizado polo Real Aeroclub de Lugo, celébrase entre os días 21 e 25 de xullo no aeródromo das Rozas. Amais da Deputación, na cita tamén colabora o Concello de Lugo, subministrando agasallos e premios institucionais.
Santos Ramos salientou que “é un privilexio poder contar na provincia cun evento destas dimensións, que pola variedade e calidade das actividades que ofrece, conta cunha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante revulsivo económico, xa que reunirá a máis de 5.000 persoas, entre pilotos e seareiros”.
A alcaldesa de Lugo, quen felicitou a Luis Abelleira polo recoñecemento da Cruz ao mérito (que vén de recibir pola traxectoria de 50 anos adicada ao aeródromo de Rozas e á aviación deportiva), subliñou “a oportunidade económica e de promoción que supón este Criterium para Lugo”.
O presidente do Real Aeroclub de Lugo explicou que esta cita ten “un enfoque duplo”, por unha banda deportiva (para o goce dos pilotos que participan nos distintos campionatos), e pola outra divulgativa (xa que un dos obxectivos que persegue é “achegar o mundo da aviación ao público en xeral, permitíndolles participar nas diversas actividades que organiza”).
Segundo fixeron saber, o Criterium Aeronáutico xuntará máis de 150 aeronaves. Respecto do programa, para persoas de todas as idades, inclúe voos acrobáticos, saltos en paracaídas, carreiras de drons, voos en globo aerostático, exhibicións e demostracións de pilotos profesionais. Ademais, durante os cinco días que dura o evento deportivo, organizan exposicións de aeronaves e motos clásicas, así como sorteos de voos de balde.

PUBLICIDADE