A nova edición de Pont-Up Store virá con máis de 60 actividades

xoves, 12 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O 18 de setembro vai comezar en Pontevedra a nova edición (a sexta) dunha das feiras de emprendemento de meirande prestixio e renome do ámbito galego e estatal, sobre todo polo que ten de diversa, vistosa, participativa e reivindicadora da aventura (non sempre reivindicada como se merece) do emprendemento e da innovación. Trátase de Pont-Up Store, que presentou hoxe nos seus detalles en Pontevedra e que se desenvolve, con epicentro na praza de España até o día 21, achegando un programa de máis de 60 actividades e visualizando os achados e propostas novas de 46 empresas. O lema: reivindicar a afouteza da xente valente que se lanza a materializar, contra vento e marea, unha idea de negocio.
Na cita de hoxe participou o profesor do Campus de Pontevedra Pedro Figueroa, director da feira, quen dixo que o obxectivo desta edición (e das que están por vir) é “facer da cidade o centro da innovación e do emprendemento de Galicia”. Asemade, puxo o foco no carácter descentralizado do evento, que, se ben ten o centro de operacións na praza de España (onde terán emprazamento de seu as case 50 empresas innovadoras que participan na eira), achegará actividades neste e noutros recantos da cidade: máis de 60 accións, coloquios, obradoiros ou presentacións, agrupados nos diferentes espazos que conforman o programa deste evento promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, co Concello como patrocinador principal.
Tamén concorreron na presentación o vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, e o deputado provincial Gregorio Luís Agís, salientando que se trata dunha “iniciativa crucial no ano académico e no ano social e económico de Pontevedra”, como lembrou o vicerreitor, destacando a importancia dun evento que achega “oportunidades ás persoas que están a facer innovación e economía social, que están a crear pequenos laboratorios creativos dentro das súas empresas” e constitúe para a Universidade “unha oportunidade” para proxectarse como “parte da cidade”.
46 exemplos da “xente valente”
O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que darán a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. Así, 36 delas contarán cun espazo de balde na carpa da praza de España e algunhas delas participarán, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenderán os seus proxectos diante dos e ás responsábeis de catro empresas, ou ben serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto da orixe e ámbito temático dos proxectos empresariais seleccionados (elixidos de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición) veñen todos eles de diferentes recunchos da nosa xeografía e céntranse sobre todo no medio ambiente e na sustentabilidade.
Laboratorio creativo, economía social ou videoxogos
Grazas ao apoio activo de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas en diferentes bloques, por exemplo o Laboratorio Creativo, que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde está previsto celebrar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns obradoiros tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital.
Outro bloque é o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría, ao que cómpre engadir o Espazo de Economía Social e Creativa ou unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por AJE Pontevedra, AEMPE e Cámara de Comercio.
Como novidades desta sexta edición, figuran propostas como o Espazo de Igualdade (que inclúe, entre outras cousas, un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas) ou o Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural Lab e Vulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes.

PUBLICIDADE