A nova edición de Formadores Dixitais impartirá contidos a un centenar de adestradores para o emprego

luns, 28 de xuño do 2021 S. P.

O Goberno galego lanzou un novo curso tecnolóxico para docentes e formadores para o emprego. Trátase dunha nova edición de Formadores Dixitais, coa que se busca impartir coñecementos sobre capacitación en liña a 100 persoas vencelladas co adestramento de profesionais para a busca dun posto de traballo. Estará dispoñíbel do 1 de setembro ao 28 de outubro deste ano cunha aprendizaxe completamente en liña. Lánzase, en palabras da Xunta, “en consonancia cunha formación que avanza na dixitalización e que quere ser accesíbel para todas e todos”.
O programa está dirixido “a todo aquel persoal formador para o emprego interesado en profundizar e avanzar nos seus coñecementos sobre aprendizaxe na Rede e estará dispoñíbel para 100 persoas”. Serán, en total, 90 horas de curso coa suma de vídeos formativos, sesións en directo e titorías realizadas por un equipo de 15 persoas de prestixio no ámbito da capacitación dixital. Os e as participantes deberán entregar, ao final do curso, un proxecto final onde reflictan os coñecementos adquiridos.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 23 de xullo a través dun formulario web na páxina www.formadoresdixitais.com.
Esta iniciativa inscríbese dentro da estratexia do Executivo galego dunha formación para o emprego “accesíbel e dixitalizada” con medidas como a creación dun Campus Virtual que recollerá toda a oferta formativa da Xunta para persoas empregadas e desocupadas. Serán usuarias destes 1.700 cursos un total de 15.000 alumnas e alumnos ao ano. Este Campus estará ao dispor das preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos trece centros de formación da Consellería de Emprego e Igualdade.

PUBLICIDADE