A nova edición da Ourense ICC Week celebrarase entre o 2 e o 7 de abril

mércores, 23 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Ourense avanzou os días pasados detalles da nova edición da Ourense ICC Week 2019, a semana da innovación, a cultura e a creatividade que este ano celébrase entre os días 2 e 7 de abril. O obxectivo da institución que preside Manuel Baltar é xuntar novamente (en diferentes recantos da provincia) centos de persoas, entre expertos e seareiros da innovación. Achegaráselles un marco para presentar as súas propostas e intercambiar recursos e coñecementos cos restantes expertos e seareiros. Unha vez máis porase o foco en fomentar ao máximo a implicación da cidadanía, que terá, na ICC Week, unha boa oportunidade para gozar coas últimas propostas que os mercados e a tecnoloxía pon á súa disposición.
A quinta edición da semana conta cos mellores precedentes, segundo apuntou a Deputación: vén avalada polo éxito da convocatoria de 2018, que acadou 27 millóns de impactos en 20 países, dos que, preto de catro millóns corresponderon ás redes sociais. Mesmo houbo eventos virais, da man do Pantomina Full ou os eSports. Por outra banda, pasouse dos 12 relatorios e mesas redondas da anterior entrega da ICC Week a un total de 17, nas que interviñeron máis de trinta profesionais, todas e todos referentes nos seus eidos de actividade, como Javier Mariscal, Gracia Querejeta ou Bárbara Ouka Leele. Tamén houbo concertos, espectáculos de humor, citas co deseño gráfico e as novas tecnoloxías da información, co audiovisual ou cos videoxogos a través do ICC Gamer, no que participaron unhas 700 persoas (na LAN Party do Campus de Ourense).
Polo que respecta á a edición de 2019, “pretende continuar coa posta en valor do sector creativo e cultural e converter así á provincia de Ourense no marco perfecto para o co-working, a potenciación de negocios e a apertura de novos mercados”, sinalou Baltar, facendo fincapé no amplo abano de formatos que acompañan as actividades: relatorios, charlas, entrevistas, clases maxistrais e concertos, entre outras. A Deputación acompañou esta presentación da nova entrega da semana cun vídeo que resume os éxitos da edición de 2018.

PUBLICIDADE