A nova edición da Maker Faire Galicia será cen por cen online

luns, 5 de outubro do 2020 S. P.

Se algunha conclusión podemos sacar da pandemia e da crise sanitaria é a necesidade de reivindicar a ciencia e na tecnoloxía e, tamén, os métodos cooperativos, libres e abertos de desenvolvelas e impulsalas. Disto especialmente vai tratar a cuarta edición da feira galega Maker Faire Galicia, un dos encontros argalleiros máis relevantes de Europa e que este ano pon en xogo unha clara viraxe cara a un ámbito que lle foi natural dende a súa orixe: o ámbito dixital. Así, a nova convocatoria desenvolverase 100% online e contará por primeira vez cunha xornada destinada en exclusiva á educación.
“O novo formato permitirá que esta sexta edición da feira de innovación se poida seguir desde todo o mundo, o que fortalecerá os valores diferencias da cita no referido ao coñecemento compartido e ao seu carácter interactivo”, sinala a organización, o proxecto Vermis.
O evento celebrarase do 18 ao 22 de novembro a través dunha plataforma que integrará un Museo Gaiás Virtual. Contará con dúas xornadas profesionais, que se desenvolverán os días 18 e 19 de novembro, e que estarán organizadas por sectores, poñendo en valor aqueles onde Galicia ten un gran potencial como son a alimentación, saúde, aeronáutica, automoción, enerxía e téxtil.
O 20 de novembro será a quenda para a educación, con relatorios arredor da tecnoloxía, a innovación educativa ou a inclusión. Ademais, os mellores proxectos dos centros educativos que se presenten competirán nun formato elevator pitch (é dicir, a través de presentacións breves sobre os diferentes proxectos) para elixir ao máis innovador.
Por último nas xornadas abertas, os días 21 e 22 de novembro, haberá contido diverso relacionado coa robótica, ciencia, innovación social, a filosofía do do it yourself, arte, economía circular ou gaming.
“Con este programa moi variado e coa participación de referentes e especialistas en distintas áreas de coñecemento”, explica a organización, “a Maker Faire Galicia convértese nun referente na innovación 360, compartindo contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial”.
As empresas, centros educativos, asociacións ou makers que desexen participar na feira poderán presentar os seus proxectos ata o 15 de outubro. As inscricións poden realizarse a través da súa páxina web.
Esta Maker Faire Galicia celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

PUBLICIDADE