A nova Lei do Audiovisual, a debate na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o día 15

xoves, 8 de setembro do 2022 S. P.

O Grupo de investigación de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela e a Mesa pola Normalización Lingüística colaboran na organización da xornada Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas, un encontro programado para este xoves 15 de setembro en Compostela, no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.
A xornada, que achegará unha lectura crítica do novo texto normativo publicado este mes de xullo, congrega persoal investigador en materia de comunicación e políticas públicas, profesionais do audiovisual e representantes das entidades de defensa das linguas minorizadas da contorna estatal nun foro aberto á comunidade universitaria e á cidadanía, para o que non é preciso inscrición previa. O tratamento das distintas linguas oficiais na Lei, a consideración das producións independentes, o seu financiamento e o establecemento de cotas nas diferentes pantallas serán algúns dos tópicos sometidos a exame.
A coordinadora do GEA, Margarita Ledo Andión, abrirá ás 10.00 horas este foro cuxo programa completo está dispoñíbel en liña. Dende o ámbito académico, o encontro contará tamén coas intervencións de Ramón Zallo, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco, e de Antía López Gómez e María Soliña Barreiro González, investigadoras e docentes da USC.
Marcos Maceira Eiras, da Mesa pola Normalización Lingüística; Francesc Marco Palau, da Plataforma per la Llengua; e Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua conversarán sobre o audiovisual como un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, cultural e económico e debullarán aqueles puntos “nos que a Lei non atende demandas feitas dende a contorna estatal para preservar a diversidade lingüística e cultural no eido audiovisual”, avanzan, engadindo que entre as principais demandas a revisar inclúense propostas como a Iniciativa Xabarín, destinada a garantir a presenza de galego na programación infantil e nos novos contidos achegados nas novas plataformas, ou a Iniciativa polo galego no audiovisual, que tentou impulsar modificacións na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que contaron tamén coa participación do GEA.
As xornadas incluirán, ademais, unha mesa redonda arredor do estado xeral do audiovisual en Galicia que reunirá a Uxía Caride, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Lidia Fraga, da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación (AGPTI).

PUBLICIDADE