A nosa terra ocupa o quinto posto no ranking de empresas TIC por Comunidades

luns, 30 de setembro do 2013 Redacción

Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de facer un novo reconto sobre o acadado na nosa terra en materia tecnolóxico-dixital. Desta volta, a temática céntrase nun dato que achega moitas luces sobre o camiño percorrido: o número de empresas do sector TIC que atesouramos. Segundo nos fai saber o Observatorio, órgano adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a cifra de firmas do eido do coñecemento e a información superou a liña das 2.000, situándose en xuño de 2013 en 2.029, o que significa que se deu un medre do 2,7% con respecto ao ano anterior. Ademais, sinala AMTEGA, isto sitúa a Galicia como a quinta Comunidade con meirande número de empresas TIC, subindo un chanzo no ranking estatal en relación ao período previo e indo alén do ritmo de crecemento do número de empresas TIC a nivel estatal (1,9%).
Como dixemos, son datos recollidos no Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia 2013, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Esta investigación achega outros moitos datos de interese, por exemplo que o nivel de emprego no sector TIC galego situouse en xuño do ano 2013 nos 15.144 traballadores, o que representa o 1,7% da poboación ocupada galega, unha décima máis que en anos anteriores. “Malia a conxuntura económica actual”, sinala AMTEGA, “o emprego neste sector mantense por riba dos 15.000 traballadores desde o ano 2010”. Así, o valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego representou o 2% do PIB de Galicia e o volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2.240 millóns de euros no ano 2012, unha cifra lixeiramente superior á do ano 2011, correspondendo un 82,7% do volume de negocio a clientes galegos e un 13,9% ao resto de España.
Polo que respecta ao perfil do tecido empresarial TIC é basicamente o das microempresas, un 94,6% das empresas TIC contan con menos de 10 asalariados, e un 35% das empresas TIC son autónomos. As empresas do sector TIC concéntranse principalmente nas provincias da Coruña (48,1%) e Pontevedra (35,6%) e máis da metade (51,8%) adícase a actividades informáticas
Desde a perspectiva de xénero, constátase unha menor presenza da muller no sector TIC. Apenas o 37,5% do persoal das empresas TIC galegas son mulleres. Os homes teñen maior presenza en todos os postos das empresas tecnolóxicas, agás nos administrativos, de maior presenza feminina.
Ademais, as firmas tecnolóxico-dixitais galegas contan cunha maioría de profesionais TIC con formación universitaria ou especializada a través de ciclos formativos TIC. Un 47,1% dos traballadores do sector TIC ten titulación TIC de grao superior ou medio, mellorando así a especialización dos profesionais TIC galegos (ano 2012: 38,2%), e un 23,2% conta con ciclos formativos TIC superiores ou medios.
Segundo engade o Observatorio, as propias empresas TIC manifestan confianza nun panorama de estabilidade para o sector nos vindeiras anos: “Un 40,3% das empresas TIC galegas define o seu momento empresarial actual como de consolidación e un 45,9% prevé estabilidade ou expansión do sector de cara aos próximos tres anos”, explícase.
Por outra banda, a Axencia engade que os últimos resultados das enquisas do OSIMGA constatan que as empresas TIC galegas están a apostar polo potencial da innovación. Deste xeito arredor dun terzo destas firmas desenvolveu actividades de I+D+i nos tres últimos anos, un incremento do 15,1% respecto do período anterior. Destas empresas, un 71,3% obtivo produtos comercializábeis, explícase. E engádese: “Cada vez existe maior necesidade por parte dos traballadores e empresarios de adaptarse ás variábeis demandas do sector; así o reflicte o feito de que o 38,6% das empresas TIC galegas desenvolveu accións formativas en TIC no ano 2012”. As principais áreas de interese en formación TIC son: seguridade informática e protección de datos, tecnoloxías cloud e administración de sistemas operativos. Salientan pola súa traxectoria ascendente o interese amosado en tecnoloxías de computación na nube (cloud computing), tal e como se demostra no feito que máis dun terzo das nosas empresas TIC empreguen xa tecnoloxías desta natureza, sobre todo na súa modalidade de Software como Servizo (Saas), tales como Google Apps Bussiness, Office 365, SalesForce.com, Dropbox, etc. Incrementouse tamén a presenza das nosas firmas do sector en Internet, tres de cada catro empresas TIC dispón de páxina web, 6,7 puntos máis que no ano 2012. Ademais. O 30,6% das firmas tecnolóxico-dixitais galegas está presente nas redes sociais, 10,6 puntos máis que no ano 2012 e as empregan, principalmente, para accións de mercadotecnia.
Por outra banda, a práctica totalidade das enquisadas ten contratada banda larga e un 94,9% das empresas TIC recibe por contrato unha velocidade de conexión a Internet superior a 2 Mpbs, 4 puntos máis ca no ano 2012. A velocidade de acceso máis frecuente a comprendida entre os 10 Mbps e os 30 Mbps (45%).
Asemade, un 28,1% das empresas TIC emitiron facturas electrónicas e un 41,4% recibiunas. O 49,7% das empresas TIC galegas utilizou a sinatura dixital, 6,3 puntos máis que no ano 2012. Este indicador elévase ao 81,3% no caso das empresas TIC de 10 e máis asalariados.
O 69,5% das empresas TIC galegas que dispoñen de Internet interactuou coas Administracións Públicas a través da Rede, 2,7 puntos máis que no ano 2012. Este indicador elévase ao 96,8% no caso das empresas de 10 e máis asalariados/as .
Polo que atinxe ao comercio electrónico, o 73,5% das empresas TIC mercou a través de Internet, 3,2 puntos máis ca en 2012, e unha de cada catro empresas do sector TIC vendou a través de Internet. O peso das vendas a través do comercio electrónico representou o 35,3% sobre o volume de negocio destas empresas. “Estes datos”, explica AMTEGA, “veñen indicar que as empresas TIC galegas dispoñen dunha ampla marxe de mellora para a venda dos seus produtos a través do comercio electrónico”.
O Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia 2013 baséase nas preto de 500 enquisas realizada polo OSIMGA e en información procedente do IGE e INE, sobre o número de empresas, emprego e contribución do sector TIC ao PIB galego. Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org.

PUBLICIDADE