A nosa terra, no posto once do Estado no ranking de afianzamento das TIC

luns, 5 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Que a nosa terra suspenda no afianzamento das novas tecnoloxías da información non é unha novidade. Con todo, non está mal que nolo recorden para que nos poñamos mans á obra, tanto as administracións, como as empresas que subministran servizos de acceso como esa parte da cidadanía (que a hai) que non lle ve utilidade ás redes. Os tempos van pasando, os gobernos mudando de ideoloxía, e a materia aínda está pendente de aprobar. Así nolo contan dende a Fundación Orange, que vén de presentar estes días en Madrid un informe sobre o desenvolvemento xeral da Sociedade da Coñecemento en España en 2010. Esta investigación sitúa á nosa comunidade como a sexta de todo o Estado con menor desenvolvemento das redes, presentando un índice de converxencia de 78 puntos.
Nos postos máis altos da listaxe tampouco hai moita novidade, aínda que cómpre salientar a presenza de Aragón ou Cantabria, que teñen uns niveis de riqueza e de presenza de poboación semellantes aos nosos.
Madrid, iso si, está no cadro máis alto cun índice de 94, seguida de Catalunya (90), Navarra (87), Aragón (84), Cantabria, A Rioxa e Asturias (81). Balears e Castela e León contarían cuns índices do 80 e do 59. A nosa terra está situada no posto 11 da táboa. O acto de presentación destes datos (na imaxe) estivo presidido pola vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa de la Vega e mailo secretario de Estado de Telecomunicacións, Francisco Ros.

PUBLICIDADE