A nena Antía González, gañadora do concurso de postais de Nadal do CPEIG

luns, 19 de decembro do 2016 Redacción

O xurado do concurso de postais de Nadal organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que avanzamos os días pasados dende Código Cero salientando a súa “misión” de facer rebulir o maxín creativo das nosas crianzas, decidiu premiar o debuxo de Antía González Arias, presentado polo colexiado Alberto Arias. A nena recibirá unha tableta de 10 polgadas como recoñecemento ao seu labor.
Segundo nos conta o CPEIG, Antía González, quen conta con 10 anos de idade, empregou tanto rotulador como ceras na súa postal. Para darlle forma empregou, en palabras do xurado, “un curioso e colorido obradoiro de reparacións informáticas, á fronte do cal está un personaxe Pokémon”. No debuxo aparece, ademais da decoración tradicional do Nadal, un certificado académico pendurado da parede que acredita a cualificación do responsable do taller. O CPEIG seleccionou, a través do concurso fallado agora, a postal de Antía como a felicitación oficial para estas festas. O xurado encargado da selección estivo integrado por Juan Otero, vicepresidente; Roberto Vieito, vicesecretario; Francisco Javier Rodríguez Martínez, tesoureiro; e Lorena Otero, vicetesoureira. A xunta de goberno do colexio transmitiulle os seus parabéns a Antía e máis á súa familia.

PUBLICIDADE