A música en streaming non logra compensar a caída do sector, en mínimos históricos

xoves, 18 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Os xeitos tradicionais de achegar audiovisual ou cinema están en clara recesión dende hai anos. O que vemos hoxe, de feito, son os últimos vestixios dun xeito de facer as cousas que practicamente xa rematou, en parte por culpa da industria máis inmobilista (que teimou e teima nos prezos de sempre), en parte por culpa dos gobernos (cuns impostos que non axudan en nada a que a xente siga indo ao cinema ou mercando música) e en parte por culpa dos propios consumidores (que pasan, moitos deles, ao extremo de adquirilo todo gratis pola Rede, deixando de lado calquera solución intermedia). Resultado de todo isto: a venda tradicional de música caeu nun 12,4% na primeira metade de 2012, acadando o seu mínimo histórico en España, segundo sinala Promusicae. Asemade, o gasto do público foi de 55,9 millóns de euros en música gravada, tanto físico como dixital, cando o pasado ano foi de 63,7 millóns. No ano 2001 o gasto foi de 335 millóns de euros.
Aos que si que semella irlles cada vez mellor é aos servizos de achega de música vía streaming, que pasaron dos 8,7 millóns de euros o ano pasado aos 10,4 actuais. Este novo vieiro de fornecemento de lecer musical vén da man, sobre todo, de Spotify, Deezer ou Xbox Music. Con todo, a fórmula non semella ser, tampouco, a solución a tódolos problemas do sector. A razón disto? Pois o baixo prezo do servizo, aínda máis baixo cá opción de compra de música pola Rede. E precisamente por ser tan baixo (arredor de dez euros de media con streaming sen límites), dise no informe de Promusicae, non achega os beneficios desexados para compensar a devandita caída. Polo que respecta ás descargas de música, tanto en Internet como no móbil, descenderon un 7,5%. A compra de música para personalizar teléfonos móbiles cae un 33,7%. As vendas de CD físicos faino un 23%, de 39,3 millóns de euros a 30,1 millóns.
Segundo informa Promusicae facendo referencia aos datos globais, as adquisicións dixitais soben nesta primeira metade de ano de 24,4 a 25,7 millóns de euros, un 5,3% máis. Case a metade dos cartos que os cidadáns invisten en música gravada é xa dixital.

PUBLICIDADE