A música en español lidera as tendencias musicais en YouTube

luns, 16 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Ao facer un repaso dos éxitos musicais en YouTube en 2019 non debería sorprender a ninguén que a cantante Rosalía liderase as tendencias musicais en España co seu tema Con Altura, que conseguiu colocarse por diante de cancións como Con Calma (Daddy Yankee e Snow), China (Anuel AA, Daddy Yankee, Karol G, Ozuna e J Balvin), Contando Lunares (Don Patricio e Cruz Cafuné) e Secreto (Anuel AA e Karol G), pero o máis curioso é que cando analizamos a listaxe de tendencias musicais a nivel global os resultados son moi semellantes, situándose Con Calma en primeiro posto, seguido polo Con Altura de Rosalía en segundo lugar, que colocaríase por diante de Secreto, China e Nome Me Conoce (Jhay Cortez, J Balvin e Bad Bunny).
Este repaso anual do ano por parte de YouTube resulta bastante relevante, por confirmar que o éxito internacional de Rosalía non é unha falsidade divulgada por certos medios de comunicación (como chegou a criticarse en certos momentos), así como o feito de que o público estadounidense podería considerarse irrelevante globalmente no que a vídeos musicais se refire, xa que nos EE.UU. Con Calma queda nunha 10ª posición, precedido por vídeos que globalmente pasaron case desapercibidos (cun par de excepcións).
Aínda que os éxitos musicais en español son os que dominan as tendencias musicais globais, cómpre salientar que en sétima posición conseguiu coarse Rowdy Baby con Maari 2, un tema propio de Bollywood; tamén a música pop coreana conseguiu conquistar a oitava posición co Kill This Love de Blackpink; os éxitos estadounidenses Bad Guy (Billie Eilish) e 7 rings (Ariana Grande) tiveron que conformarse cos postos 9º e 10º a nivel global, algo que hai uns anos podería parecer impensable.

Con Altura conseguiu converterse nun éxito global en 2019

PUBLICIDADE