A muller nas novas tecnoloxías, eixe dunha xornada no CNTG o vindeiro día 18

venres, 13 de maio do 2011 Redacción

Exterior do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, no barrio de Conxo, Santiago

A Secretaría Xeral de Modernización, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, está a organizar a Xornada Construíndo un sector TIC en igualdade. Este encontro forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal, a estratexia da Xunta de Galicia no ámbito das novas tecnoloxías, e realízase no marco das actuacións da Unidade da Muller e Ciencia.O obxectivo da citada xornada é analizar a situación actual das mulleres galegas no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), propoñendo iniciativas para impulsar o seu perfil profesional.
O encontro, organizado en colaboración coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, terá lugar o mércores 18 de maio de 2011 en Santiago de Compostela no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Rúa Airas Nunes, s/n – Conxo) de 09:30 a 13:30 horas.
Todas as persoas interesadas en asistir poden inscribirse, de forma gratuíta, enviando o formulario de inscrición ao enderezo info@fundacioncalidade.org.
A xornada será inaugurada ás 9.30 horas pola secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e por Marta González Vázquez, secretaria xeral da Igualdade da Xunta. Contará a continuación, na conferencia inaugural, coa presenza de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Consellería da Educación, e de Victoria Otero Espinar, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Compostela.
Ao longo do encontro, avaliaranse cuestións como a situación das mulleres no eido das empresas TIC (facendo especial fincapé nos atrancos que dificultan o afianzamento da súa presenza) ou as diferentes experiencias postas en marcha na nosa terra de cara ao fomento da figura feminina no tecido empresarial ligado á Sociedade da Información. Sobre este último caso, poranse sobre a mesa diferentes casos de éxito de mulleres que puxeron en marcha o seu negocio TIC e conseguiron afianzarse con altas posibilidades de crecemento a medio e longo prazo.

PUBLICIDADE