A mostra interactiva sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro estará en Ourense ata o 8 de xuño

luns, 28 de maio do 2012 Raquel Noya

Logo do seu paso polas bibliotecas nodais de Santiago de Compostela, de Lugo, de Pontevedra e da Coruña, a mostra interactiva sobre a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro vén de facer parada en Ourense, onde estará na Casa da Xuventude ata o vindeiro 8 de xuño.
Deste xeito, a obra e a figura do poeta de Celanova estará máis preto da comunidade galega de estudantes que queiran máis información que a que poden obter por Internet, pois os chamados nativos dixitais gustan máis da cultura audiovisual, dos xogos interactivos, e dos arquivos de son e imaxe para coñecer tódolos detalles do autor de Longa noite de pedra, que por certo, neste 2012 conmemora o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación do poemario.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta mañá a mostra, que xorde co obxectivo de poñer en valor a vida e a obra do poeta, “así como favorecer un maior coñecemento do escritor entre a cidadanía”, engaden.
No acto, estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería en Ourense e polo coordinador da Área Cultural na provincia, Mercedes Gallego e Gerardo Pumar, respectivamente; pola concelleira de Ourense Belén Iglesias; e pola directora da Casa da Xuventude en Ourense, Mercedes Valeiras.
Esta exposición, que poderá visitarse de balde na Casa da Xuventude da cidade, baséase nun formato interactivo e innovador que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro.
Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.
Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como as súas lentes, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación.
Os usuarios que se acheguen a este punto multimedia informativo van encontrar nel contidos variados, como notas biográficas, imaxes do escritor ou anacos das súas obras, e mesmo poderán escoitar o propio recitado na voz de Celso Emilio. Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político.
Moitos destes contidos están accesibles tamén na web oficial do escritor, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Anxo Lorenzo visita o punto multimedia de Celso Emilio Ferreiro na Casa da Xuventude de Ourense

PUBLICIDADE