A montaña de Lugo colle impulso transformador co seu proxecto de Territorio Rural Intelixente

xoves, 13 de abril do 2023 S. P.

A subdelegada do Gobierno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, estiveron este xoves 13 de abril no concello de Ribeira de Piquín presentando as posibilidades de desenvolvemento rural que se abren co programa estatal Territorio Rural Intelixente, do que forma parte o concello da montaña luguesa a través do plan Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente, que tamén abrangue os concellos de Pontenova, Meira, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro.
No acto tamén estiveron o vicepresidente primeiro da FEGAMP, Alfonso Villares, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.
O plan é unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O obxectivo é “a creación de ecosistemas de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía”.
Isabel Rodríguez destacou a necesidade de desenvolver proxectos de innovación social na provincia para facer fronte ao despoboamento do medio rural. “Desde as administracións é urxente traballar para dar resposta a unha responsabilidade común como é o reto demográfico, por eso debemos contribuír ao reequilibrio territorial e garantir a igualdade de oportunidades para que as persoas que viven no medio rural sigan vivindo del, á vez que atraemos e asentamos nova poboación nas nosas vilas”, manifestou a subdelegada.
Isabel Rodríguez felicitou á FEGAMP e ao GDR Montes e Vales Orientais por levar a cabo este tipo de proxectos e ideas pensadas no futuro dos pobos, detectando iniciativas e oportunidades que demostran o coñecemento das necesidades do territorio e os retos aos que se enfronta, tal e como reflicte que dos 13 municipios que conforman este espazo, con máis de 2.500 quilómetros cadrados de territorio, tan só conta con 22.000 habitantes.
O plan comprende tres liñas principais de actuación que consisten na creación dun Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social; un proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria dirixida ás persoas maiores; e a promoción de vivenda de alugueiro para fixar poboación. O GDR abrangue como dixemos os municipios da Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro.

PUBLICIDADE