A mocidade do campamento do Campus do Mar tira o máximo partido da Rede 2.0

xoves, 14 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Hoxe en día, para todo o que se faga en clave científica, investigadora ou cultural, ten que darse o seu correlativo na Internet. Ben unha comunidade en liña, ben un blog, ben un espazo nas redes sociais. As razóns para dar conta das nosas experiencias na Rede pesan aínda máis se o que facemos é importante para o futuro e o benestar da sociedade na que vivimos. Moito disto hai no campamento científico do Campus do Mar, unha iniciativa na que participan xa varias ducias de rapaces e que está a servir na súa quenda primeira, para potenciar as capacidades da mocidade nos eidos científico e tecnolóxico.
Pois ben, segundo informa a Universidade de Vigo, este primeiro grupo de acampadas e acampados están a tirar o máximo proveito, como non podía ser doutra maneira tendo en conta que ollar cara ao futuro é un dos seus principais cometidos, das tecnoloxías da información. De aí xorde, entre outras cousas, o seu blog. Nel, a mocidade que reside no campamento (de 4º da ESO e 1º de Bacharelato), dá conta das iniciativas que está a pór en marcha estes días e máis impresións que lles deixan.
As actividades, por certo, son unha proba máis de que o lecer potencia a ensinanza e máis a investigación científica, e viceversa: xogos, deportes, experimentos de electricidade estática, de extracción de ADN, sudokus imposibles ou adiviñanzas matemáticas son algunhas das probas que relatan neste blog que inclúe vídeos e que escriben nos obradoiros de comunicación que realizan polas tardes.

PUBLICIDADE