A mocidade debatirá sobre o uso das redes sociais na primeira edición do Parlamento Xove

luns, 8 de febreiro do 2010 Raquel Noya

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta está a organizar entre os estudantes de ESO e Bacharelato do noso país a primeira edición do Parlamento Xove, unha iniciativa que pretende “potenciar o diálogo como ferramenta de ideas propias entre a mocidade galega”, e que, a través do debate, vai por sobre o taboleiro a dualidade do uso das redes sociais por parte dos menores.
Trátase dunha competición entre centros de ensino da Comunidade na que os participantes deberán integrarse en diversos equipos para investigar, escribir e debater sobre o tema proposto pola organización, que nesta ocasión será se o uso das redes sociais separa ou une á mocidade.
Así, a iniciativa dividirase en dúas fases. Unha inicial de investigación e argumentación de ideas e outra final no que terá lugar o debate dialéctico en galego. Así, o obxectivo principal da actividade é que os estudantes poidan amosar as súas habilidades a nivel persoal e de grupo na selección de información, na expresión escrita e oral, na creatividade e no traballo en equipo.
O calendario de actividades será o seguinte: ata o 15 de febreiro os interesados poderán inscribirse na actuación; do 15 a 28 de febreiro terá lugar a entrega dos artigos; do 1 ao 15 de marzo deberá estar feito o dossier; o 26 de marzo Xuventude anunciará os equipos que pasarán á fase do debate que se celebrará o 24 de abril.
Para anotarse ao Parlamento Xove, os centros de ensino deberán primeiro comunicar a súa intención de participar nos teléfonos 981 545 822 ou 981 541 689. Cada un dos equipos estará formado por 6 alumnos e un profesor. Cada centro poderá anotar a dous equipos, aínda que o segundo que inscriba estará nunha lista de espera.
Unha vez adxudicado ao centro a súa praza ou prazas na competición, deberase enviar por correo certificado o formulario de inscrición antes do 15 de febreiro á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Deberá incluír a composición do equipo e o selo do centro de ensino. O formulario pode descargarse na páxina oficial da competición, xunto co cal se debera remitir a fotocopia da matrícula ou o certificado de matriculación dos alumnos e alumnas co selo do colexio ou instituto e a fotocopia do DNI de cada membro do equipo.
O equipo gañador da primeira edición do Parlamento Xove acadará unha viaxe sorpresa e un notebook para os membros do equipo. O equipo que se enfronte no debate ao que gañe tamén será premiado cun notebook. Os que elaboren o mellor dossier de investigación recibirán unha videoconsola para cada un dos membros do equipo e o autor individual do mellor artigo terá un notebook e os seus cinco compañeiros un disco duro portátil.

PUBLICIDADE