A mocidade de Pontevedra métese de cheo na robótica e na creación de videoxogos

xoves, 5 de agosto do 2021 S. P.

O concelleiro de Xuventude e Novas Tecnoloxías de Pontevedra, Alberto Oubiña, visitou na mañá deste xoves 5 de agosto o obradoiro de Iniciación á Robótica que se está celebrar na Casa da Luz da cidade. Trátase do cuarto taller tecnolóxico, creativo e participativo que se realiza este verán no concello. Abéiranse ao programa de actividades Ponteverán e, segundo fixo saber Oubiña, atópanse entre as propostas creativas máis demandas pola mocidade (están entre os que máis lista de espera xeran).
Neste 2021, todos estes obradoiros tecnolóxicos esgotaron prazas e todos foron gozando dun éxito evidente entre as crianzas. Quedan feitos os de Impresión 3D, Programación de aplicacións para móbiles e Holografía e Realidade Virtual (VR). Estes días está celebrándose o de Iniciación á Robótica e a semana que vén comezará o de Programación de Videoxogos.
En total, 70 crianzas de entre 8 e 16 anos foron gozando destes obradoiros, que, segundo explicou o edil, “propoñen unha aprendizaxe dinámica e lúdica das novas tecnoloxías”.
E engadiu: “Desde o Concello levamos xa varios anos apostando pos estas actividades no programa Ponteverán dedicadas ao que se viñan chamando novas tecnoloxías, que son cousas tan sinxelas como os chips dos nosos teléfonos ou os nosos reloxos. É un mundo moi interesante, e así o demostra a enorme cantidade de xente nova que quere participar nestes campamentos urbano”.

PUBLICIDADE