A mobilización en liña O Xigante Acordou sobe o nivel da loita brasileira contra a corrupción

luns, 22 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Os días pasados propagouse no Twitter un hashtag que resume e sintetiza o potencial das redes sociais como instrumentos para o cambio político a nivel mundial. Trátase da etiqueta #OGiganteAcordou, que fai referencia aos acontecementos sociais desenvolvidos os días pasados en Brasil (o xigante), e cuxas faces visíbeis, as mobilizacións na rúa e nas redes contra a corrupción política, deron unha serie de interesantes resultados. Por certo que a campaña ten web de seu reflexo, tamén, noutras redes como Facebook. Consecuencia de todo isto: a sociedade (primeiro) e o tecido político (despois) do país irmán, abriron os ollos. As repercusións déixanse notar por tódolos recantos. Segundo nos lembran dende a plataforma-colectivo ciberactivista Avaaz.org, a semana pasada o Senado brasileiro referiuse repetidamente á dita comunidade de internautas mentres votaba unha lei para permitir a presentación de calquera petición cidadá de 500.000 sinaturas directamente ante o Congreso.
Para colectivos como Avaaz e para a comunidade internauta por enteiro, a devandita lei confirma ás claras o importante ingrediente de participación cidadá que están a achegar as redes. Consecuencia disto: proxectos políticos que conten con rexeitamento social abondo, non poderán de ningunha maneira saír adiante. Un exemplo pode ser o acontecido hai uns días na nosa terra, en relación á mina de ouro de Corcoesto, cuxo proxecto, probadamente contaminante (e rexeitado dende a Rede das máis diversas maneiras), vén de ser paralizado temporalmente pola Xunta. Para as plataformas de ciberactivistas, Brasil amosa ás claras o que vai ser o futuro da función política: unha función que terá moi presente o que diga a cidadanía nas comunidades en liña.
Como lembraremos, a sociedade brasileira dixo non, de xeito unánime, á corrupción sen freo do país. En consecuencia, púxose en marcha a campaña Ficha Limpa (para impedir que os políticos condenados por crimes puidesen ser candidatos a cargos de elección popular) e segundo foi o fornecemento a comezos deste ano da petición máis grande da historia do país, posta en marcha por un membro de Avaaz. Na petición, reforzada por 1,6 millóns de persoas a través da Rede, esixiuse que os senadores expulsasen ao presidente do Senado, un político caido en desgraza por acusacións de corrupción. “O presidente aínda resiste, pero estamos a piques de eliminar a práctica de voto secreto que lle permitiu acceder ao posto máis importante no Senado”, informa a plataforma. Ademais, como dixemos, o Senado aprobou unha medida para que aos cidadáns lles sexa máis doado ter repercusión no rumbo político do país. Isto farase reducindo á metade o número de persoas que se precisan para asinar iniciativas lexislativas populares.

PUBLICIDADE