A misión Gaia, recoñecida en EE UU por ter creado o mapa máis preciso e completo da Vía Láctea
luns, 21 de novembro do 2022
A
misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europa recibirá o vindeiro
mes de xaneiro o Premio Lancelot M. Berkeley, recoñecemento no eido
da astrofísica que outorga a Sociedade Astronómica Estadounidense
(AAS). O labor de Gaia, liderada en Galicia por dous investigadores
do CITIC da UDC, foi distinguido por “facer posíbel a creación do
mapa multidimensional máis revolucionario, preciso e completo da Vía
Láctea”. Segundo engade a AAS, “as publicacións de datos de
Gaia consideraranse durante moito tempo eventos importantes na
historia da astronomía, por permitir a creación dunha asociación
mundial para comprender mellor a orixe, a estrutura e o destino da
nosa galaxia".
De
feito, desde o seu lanzamento en 2013, o telescopio espacial Gaia
detectou posicións estelares, distancias, cores e movementos propios
de case dous mil millóns de estrelas na nosa galaxia, que foron
recollidos en tres publicacións, estando pendente a difusión do
volume do cuarto arquivo de Gaia (DR4), que será unhas 50 veces
maior có publicado o pasado mes de xuño e “achegará unha versión
tremendamente mellorada destes parámetros estelares”. Así se puxo
de relevo na reunión plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) do
consorcio europeo DPAC para o procesado de datos da misión espacial
Gaia celebrada o pasado mes de outubro no CITIC da Universidade da
Coruña coa participación de 40 investigadores de 20 entidades
europeas.
Novas
fronteiras do coñecemento
Precisamente,
dous investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da
Información e as Telecomunicacións (CITIC), a astrofísica Minia
Manteiga e o enxeñeiro de datos Carlos Dafonte, lideran a
participación galega en Gaia. Para este grupo do CITIC da UDC
“participar na elaboración de técnicas para a análise dos datos
de Gaia, na interpretación astrofísica da información contida nos
datos e na validación dos arquivos publicados polo consorcio
internacional DPAC foi un reto continuo desde que no ano 2006
integrámonos no equipo da misión”, explican. “Desde o punto de
vista científico, Gaia permitiunos consolidar un equipo
multidisciplinar, composto por físicos e enxeñeiros informáticos,
que actualmente traballan cunha linguaxe común. A interacción con
outros grupos de investigación estranxeiros propiciou que os nosos
mozos investigadores teñan unha formación altamente
internacionalizada e que publiquen en revistas de alto impacto, o que
repercutiu positivamente na súa posibilidade de consolidación como
investigadores na universidade ou na empresa, temos exemplos de ambos
os tipos de carreiras”, engaden os investigadores do CITIC.
Para
Minia Manteiga e Carlos Dafonte “Gaia é un fito na Astrofísica do
século XXI. O seu último arquivo de datos (DR3) marca un antes e un
despois en astronomía galáctica, xa que proporciona información
precisa sobre posicións e velocidades en 3D da Vía Láctea para
case dous mil millóns de estrelas”. Esta información, unida á
análise da luz emitida polas estrelas, “permite inferir de forma
conxunta e coherente as propiedades das estrelas, parámetros como
temperaturas e brillos, masas e idades, contido en elementos
químicos, características das súas órbitas”, explican os dous
investigadores, engadindo que este traballo “abre moitas fronteiras
do coñecemento a novos achados”, e está a influír de forma moi
relevante en practicamente todas as áreas da Astrofísica. “A
comunidade astronómica estadounidense non é allea a este dato,
motivo polo cal ofreceron a consorcio DPAC de investigadores europeos
este recoñecemento”, conclúen Manteiga e Dafonte.
O
premio Lancelot M Berkeley – New York Community Trust Prize for
Meritorius Work in Astronomy, outorgado pola American
Astronomical Society (AAS) co apoio do New York Community Trust
inclúe unha dotación económica e un convite a dar a conferencia
plenaria de clausura na reunión de inverno da AAS. Este ano o
encontro terá lugar en Seattle, Washington, do 8 ao 12 de xaneiro de
2023, que nesta ocasión Anthony Brown, project scientist
do consorcio Gaia DPAC, será o encargado de impartir a devandita
conferencia.
Protagonismo
coruñés
A
misión espacial Gaia é actualmente a misión científica máis
exitosa da Axencia Espacial Europea e
está a supor un salto xigantesco na comprensión da estrutura e a
formación da nosa galaxia, a Vía Láctea, así como noutros moitos
eidos da astrofísica. O grupo CU8 que no que participa o CITIC, é o
responsábel de determinar as características físicas das estrelas,
temperatura, composición, tamaño e masa, entre outros.
Os
catálogos de datos de Gaia publicados ata o momento son un gran
éxito para a Axencia Espacial Europea e o consorcio europeo
responsable do procesado de datos. Este consorcio (DPAC) está
formado por 450 científicos e enxeñeiros de máis de 20 países e
máis de 100 universidades e institutos europeos. Entre eles atópanse
a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos
Dafonte, ambos os investigadores do CITIC da UDC, quen lideran a
participación galega neste proxecto. Concretamente, traballan nas
unidades 8 e 9 de Gaia, coa creación de técnicas e ferramentas para
a verificación dos datos do satélite e a divulgación dos
resultados da misión, así como no desenvolvemento de técnicas
automatizadas para clasificar as fontes que observa o satélite, tanto
estrelas como obxectos extra galácticos.
O
número de traballos científicos baseados nos datos de Gaia
publicados anualmente supera ao telescopio Hubble, ata o de agora o
que maior produción científica xerara.