A metade do consumo enerxético de Telefónica procederá de fontes renovábeis

martes, 22 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

Mentres Trump e os Estados Unidos semellan querer recuar en todo o acadado (por pouco que sexa) en materia de loita a prol do clima, o resto do mundo toma sabiamente o camiño contrario e semella querer seguir adiante co compromiso medio ambiental: gobernos, organizacións e empresas. Como por exemplo Telefónica, que vén de anunciar o seu apoio ao establecido no Acordo de París en canto a Enerxía e Cambio Climático. A compañía aposta polas enerxías renovábeis e comprométese a que o 50% da electricidade que empregará provirá de fontes limpas en 2020 e o 100% en 2030.
Estas medidas suporanlle un aforro de 90 millóns de euros. Alén disto, a compañía fixo saber que fará minguar á metade o consumo de enerxía por unidade de tráfico (intensidade enerxética) e diminuiranse nun 5% as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI).
A finalidade deste novo plan de Telefónica coincide coa Conferencia da Organización das Nacións Unidas sobre cambio climático (COP22) que se celebrou en Marrakech (até o 18 de novembro), e está aliñada co compromiso mundial de non superar os 2ºC de temperatura que establece o Acordo de París.
A multinacional aposta pola redución da súa pegada de carbono e polo papel que pode xogar mediante o uso de solucións de IoT (Internet das Cousas) e Big Data para mellorar a xestión do transporte, a enerxía, a auga, os residuos... noutros sectores.
Para levar adiante os seus novos compromisos, Telefónica apoiarase nunha política global de xestión enerxética (aprobada polo Consello de Administración) e potenciará o seu Programa de Eficiencia Enerxética, recoñecido no pasado Mobile World Congress de Barcelona coa distinción GSMA Glomo 2016.
Outras medidas de Telefónica serán novas reducións de combustíbel, a transformación da súa rede coas tecnoloxías máis avanzadas e o uso das enerxías limpas, amais de formar parte da SMARTer2030 Action Coalition, grupo presentado en Marrakech por Global e-Sustainability Initiative (GeSI) para apoiar o Acordo de París.

PUBLICIDADE