A medade dos galegos de entre 55 e 64 anos emprega Internet

luns, 13 de marzo do 2017 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de presentar unha nova investigación que avalía o “aquí” e o “agora” unha das cuestións tecnolóxico-dixitais galegas de meirande complexidade e que máis desafíos e propostas de resolución xera ao seu arredor: a cuestión dos maiores e as novas tecnoloxías. Dous conceptos sobre os que se leva traballando dende hai anos, para evitar na medida do posíbel unha fenda que os afaste. Porén, o estudo Os Maiores e as TIC fornece unha serie de datos positivos e reflicte un crecemento en certos parámetros importantes. Por exemplo, que a metade das galegas e os galegos con idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, “fronte a un 29,4% que afirmaron utilizalo no ano 2012”. Queda moito por facer? Sen dúbida, sobre todo se comparabamos estes niveis de uso cos restantes grupos de idade.
Porén, no estudo de OSIMGA saliéntase que mesmo medrou a taxa de persoas de idades comprendidas entre os 65 e os 74 anos que usan Internet. Esta porcentaxe está hoxe en día no 21%, sinálase no estudo do observatorio OSIMGA, unha entidade dependente da axencia galega AMTEGA.
A investigación fornece en primeiro lugar unha serie de informacións relevantes sobre como determina o feito de estar ou non na Rede o lugar onde vivimos. Así, sinálase que nos núcleos de máis de 50.000 as persoas de 55 a 64 anos que usan internet supoñen máis do dobre que as que viven en núcleos de menos de 5.000 (64,4% fronte ao 30,1%). No caso dos maiores de 65 a 74 anos, os que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes quintuplican no uso da Rede aos que viven en núcleos con menos de 5.000 persoas (37% fronte ao 7,4%).
Segundo se sinala no informe, “a panorámica xeral observada no uso de Internet reprodúcese tamén no uso do ordenador”. Deste xeito, “o emprego de computador ordenador increméntase entre os maiores, especialmente entre os que teñen de 55 a 64 anos, que se aproxima ao 48%”.
A investigación tamén sinala que o tamaño do hábitat “incide claramente no uso do ordenador entre os maiores”, incrementándose o uso do ordenador a medida que o fai o tamaño do concello con valores moi semellantes aos rexistrados no uso de Internet. Desta maneira, o 64,6% das persoas de entre 55 e 64 anos que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes usan internet fronte ao 29,9% dos que viven en núcleos de menos de 5.000 habitantes. No caso dos maiores de 65 a 74 anos, estas porcentaxes son do 35,9% en municipios de máis de 50.000 persoas e do 8% no de menos de 5.000.
En relación ás compras a través de Internet, a media galega rexistra porcentaxes baixas, especialmente entre os maiores de 64 a 75 anos. De feito, “só un 7,9% dos galegos de 55 a 74 anos realizou compras a través de Internet nos últimos tres meses”. Estas taxas son moito semellantes ás do conxunto do Estado. Porén, máis da metade (54%) dos internautas de 55 a 74 anos empregou Internet para relacionarse coas administracións públicas e nos concellos con máis de 20.000 habitantes, a porcentaxe de internautas de 55 a 64 anos que interacciona coas institucións no ámbito dixital supera xa o 60%.

PUBLICIDADE