A marca galega Cafés Candelas reforza a súa estratexia en liña cunha nova web

venres, 7 de marzo do 2014 Redacción

Café Candelas, a marca galega, vén de estrear nova web dedicada á súa liña de infusións en cápsulas. Falamos de Selectum.com, sitio centrado nos produtos do mesmo nome onde se recolle “toda a información útil” sobre os mesmos e ponse en marcha, en palabras da empresa, un espazo diferenciado para dar a coñecer ao mundo esta nova gama de infusións e a aposta xeral da marca galega por ampliar e mellorar a súa carteira de produtos e por modernizar a oferta de seu.
Meténdonos xa no miolo da web, dicir que se trata dun espazo en liña moi visual onde todo semella estar disposto para que a información requirida chegue ao internauta sen atrancos nin adiamentos. En palabras da firma galega, é un espazo accesíbel onde tódolos recursos prácticos chegan a nós a través dun único clic.
“A nosa web”, engade, “segue a liña da web corporativa, cafescandelas.com, e da tenda en liña da marca, tiendacandelas.com, que salientan sobre todo polo factor proximidade, polo seu atractivo visual e polo emprego dunha renovada imaxe de marca”. A páxina Selectum.com está artellada en base a tres tipos de produtos que se comercializan baixo o nome Selectum: cápsulas de café para o fogar, cápsulas de café para profesionais e infusións para o fogar. Outro dos puntos a salientar é a sinxeleza do exposto, unha distribución práctica de tódolos contidos que abre unha xanela directa á posibilidade de mercar en liña os produtos da marca galega. Para Cafés Candelas, “a nova web é un novo espazo online co que damos un paso máis no noso obxectivo de achegar todo o noso traballo e produtos aos consumidores, facilitando información actualizada e directa sobre o sector do café”.

PUBLICIDADE