A localidade soriana de Magaña gañou o concurso #enREDatupueblo de Hispasat

luns, 29 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Finalmente non foi posíbel que a parroquia de Vilapoupre, en Antas de Ulla (Lugo), chegase ao palmarés do concurso convocado por Hispasat para facer ver a necesidade de equipar con acceso á Rede vía satélite a unha manchea de contornas xeográficas rurais. Na recta final do certame, do que falamos en Código Cero salientando a súa vontade de visualizar o problema do baleiro dixital no que viven moitas persoas, participou a dita parroquia galega xunto con outras 13 localidades do eido estatal. A gañadora foi a localidade de Magaña (Castela e León). Contará, como premio, cun ano de acceso a Internet de balde. Aracena (Huelva) e Valle de Manzanedo (Burgos) foron os finalistas, xunto con Magaña (Soria).
No concurso (achegado baixo o cancelo #enREDatupueblo) inscribíronse dúas ducias de vilas e aldeas de menos de 800 habitantes e co nexo común de acharse en emprazamentos remotos ou despoboados onde non se conta con Internet ou é de baixa calidade.
Magaña obtivo 1.835 votos de visitantes de hispasatconectate.es e usuarios de redes sociais, fronte aos 861 de Val de Manzanedo e os 829 conseguidos por Aracena. A localidade gañadora gozará de conexión a Internet por satélite de 30 Mbps durante un ano de forma gratuíta para os seus habitantes, fogares e negocios, ademais da instalación e a posta a punto da mesma.
Con este concurso, o operador español de satélites de telecomunicacións quixo “axudar a reducir a fenda dixital e fomentar o uso do satélite como alternativa tecnolóxica para levar conectividade de banda larga a zonas remotas ou despoboadas de España”. No certame tamén se buscou pór de manifesto o potencial da dita tecnoloxía aeroespacial para emendar o problema, xa “que está dispoñíbel en condicións de calidade e prezo homologábeis ás das redes terrestre”, engade a compañía.
Os catorce finalistas desta edición do certame foron: Almonaster La Real (Huelva), Aracena (Huelva), Boadella i Les Escaules (Girona), Fasnia (Santa Cruz de Tenerife), La Herguijuela (Ávila), Linares de Mora (Teruel), Magaña (Soria), Oliete (Teruel), Orea (Guadalajara), Rivilla de Barajas (Ávila), Uclés (Cuenca), Valle de Manzanedo (Burgos), Vilapoupre (Lugo) e Yernes e Tameza (Asturias).
A idea da iniciativa foi que os participantes expresasen de maneira orixinal os beneficios que suporía a chegada de Internet ás súas localidades, para o que podían enviar todo tipo de pezas de calquera índole e formato, en versión analóxica ou dixital (fotografías, vídeos, cancións, colaxes, narracións orais ou escritas, etc.), que recollesen exemplos diversos de melloras que esta conectividade podería orixinar en distintos aspectos da vida do concello: saúde, educación, cultura, negocios, comunicación ou vida persoal, entre outros.
“No caso de Vilapoupre”, explicaba hai uns meses a empresa de telecomunicacións, “os veciños puxeron de manifesto a desigualdade de oportunidades que sofren debido á falta de acceso a Internet e o freo ao desenvolvemento económico e social que iso supón, unha situación que contribúe a provocar a emigración da poboación máis nova das zonas rurais das provincias galegas”.

PUBLICIDADE