A literatura galega estrea punto de encontro en Internet: Lermos.gal

xoves, 14 de xaneiro do 2016 Redacción

Malia existir diferentes espazos, blogs... sobre literatura galega na Rede (entre eles unha sección específica en culturagalega.org), as nosas letras contan dende xa cun novo sitio en liña que detalla polo miúdo todo o que hai que saber sobre ela e que amosa vontade de converterse en espazo referencial. Falamos de Lermos.gal. Os responsábeis deste proxecto que sobrevivirá tamén grazas ás redes sociais son: Xosé Duncan, Alex Bayorti e Martinho Terrafria.
Esta idea defínese como unha revista en liña adicada ao mundo das letras na nosa lingua que pretende "informar e divulgar de xeito programado e ordenado sobre os acontecementos literarios máis sobranceiros, as últimas novidades editoriais e todos aqueles temas que sexan susceptíbeis de se converter en nova". En Lermos.gal poderán atoparse: unha sección de entrevistas a profesionais do mundo do libro e a lectura, un apartado de recursos encamiñado a divulgar determinados coñecementos relacionados co ámbito literario, e unha axenda de eventos, na que se irán actualizando datas de presentacións, premios literarios, feiras...
Engadir que lermos.gal é un proxecto colaborativo e aberto, e dende a organización sinalan que todas as achegas a ampliar o contido e a mellorar calquera aspecto do site serán benvidas.
Para contactar coa equipa de lermos hai dúas canles: o correo electrónico lermos.gal@gmail.com ou o teléfono 615 451 70.

PUBLICIDADE