A libraría dixital da USC superou os sesenta títulos

luns, 7 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Semella que a andaina da Universidade de Santiago na achega de coñecemento pola vía electrónica non foi, nin será, unha andaina de máis a menos. Máis ben o contrario: neste intre, o Espazo Ebook, a libraría dixital da USC, xa superou a liña dos sesenta títulos, e todo isto en apenas medio ano de funcionamento. A estratexia de dixitalización da entidade académica galega, que leva xa un tempo materializándose tamén na plataforma Todoebook que xestiona Publidisa, vén de recibir os pasados días a achega de nove novos títulos, todos eles da man do Servizo de Publicación da USC e xirando arredor dunha gran variedade temática: literatura, ciencia, filosofía, lingüística.
A engadir a estes e outros títulos da colección, todos eles dispoñíbeis xa para a súa descarga dende calquera lugar do mundo, infórmase de que temos ao alcance da man a posibilidade de baixar, de balde, outros títulos e formato electrónico, precisamente na sección de descarga gratuíta.
O espallamento dixital das publicacións da USC, engádese, aumenta tamén coa achega das novidades a plataformas internacionais de distribución de contidos dixitais como Casalini, Unebook, Meubook , E-libro.net e Google Books. Por certo que co obxectivo de afondar nas implicacións deste proceso, atendendo a cuestións como a propiedade intelectual, o director do Servizo de Publicacións Juan L. Blanco Valdés participará o vindeiro día 17 na mesa redonda Edición dixital: novos soportes, novos formatos, que se vai celebrar en Almería na XXX Asemblea da UNE.

PUBLICIDADE