A lei antipiratería francesa volverá a ser votada a finais deste mes

xoves, 16 de abril do 2009 Raquel Noya

Logo de que a lei antipiratería francesa (que establece o corte da conexión de Internet aos usuarios que compartan contidos protexidos con copyright por redes P2P), fora botada abaixo pola Asamblea Nacional dese país debido á ausencia de deputados durante a votación, vai volver a ser votada no Parlamento o vindeiro 29 de abril.
Este proxecto de lei contra a descarga non autorizada de contidos audiovisuais en Internet inclúe a creación dunha Alta Autoridade para a Difusión de Obras e a Protección de Dereitos en Internet (Hadopi), con capacidade para sancionar ao usuario ou usuaria que descargue “de xeito ilegal” e obrigar á persoa a seguir pagando a súa conexión durante o periodo de sanción, pese a non poder disfrutar da liña (algo que moitos no noso país facemos diariamente sen estar sancionados, debido á mala calidade de sinal que ralentiza e entorpece o noso traballo e ocio diarios).
Na anterior votación (levada a cabo a man alzada), 15 deputados pronunciáronse a favor do texto e 21 fixérono en contra; estes últimos, que non sabemos moi ben se a botaron a baixo por considerala esaxerada ou porque son usuarios de redes P2P como unha grande parte da comunidade internauta de todo o mundo, causaron un enfado considerable en Sarkozy, quen afirmou “non renunciar á lei contra a piratería no seu país”.

PUBLICIDADE