A irmandade galego-portuguesa estrea nova web: Visitriominho.eu

venres, 30 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A rede galego-portuguesa ten unha nova web: o recanto en liña de Visit Rio Minho, o proxecto ecoturístico de cooperación europea destinado a mostrar ante o mundo as accións da marca que lle dá nome ao sitio. Trala posta en marcha da páxina atópanse entidades como a Deputación de Pontevedra ou a Universidade de Vigo, socias da iniciativa Rio Minho, que se presenta dixitalmente baixo o lema Un río, dous países, grandes experiencias.
O sitio web foi deseñado baixo o concepto responsive, ou sexa, que ten os recursos precisos para ser visto e desfrutado dende calquera dispositivo, achegando unha experiencia do usuario o máis optimizada posíbel. O obxectivo é subministrar toda a actualidade do proxecto de marca compartida e completar esta liña de acción con datos permanentemente actualizados nas redes sociais: Facebook, Instagram, YouTube, Twitter e LinkedIn.
O proxecto Rio Minho, co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ten un orzamento total de 2 millóns de euros e está enfocado na preservación e valorización do territorio galego-portugués abeirado ao curso fluvial que dá forma á fronteira e, tamén, comunica os dous países irmáns.
Xunto coa Deputación de Pontevedra, son socios de Visit Rio Minho a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, o AECT Rio Minho, o Centro Tecnolóxico do Mar - CETMAR, o Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia Norte de Portugal (FCEER), a Universidade de Vigo e os concellos de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura e Valença.

PUBLICIDADE