A iniciativa galega Enelatril proclámase gañadora do YuzzDay 2016

martes, 10 de maio do 2016 Redacción

A creadora do proxecto Enelatril logo de recoller o seu galardón en Santander

A start-up galega Enelatril vén de proclamarse gañadora no certame #YuzzDay 2016, onde obtivo o primeiro premio. Recibiu o galardón a creadora da iniciativa, Andrea Aguilella Merelas, do centro Yuzz Santiago de Compostela. Andrea conseguiu impoñerse entre máis de medio milleiro de emprendedores de todo o ámbito estatal, que se deron cita no YuzzDay celebrado en Santander, un evento inserido no programa Yuzz que coordina CISE co mecenado de Banco Santander, a través de Santander Universidade, sendo os partners oficiais do Centro Yuzz Santiago a Universidade compostelá (a USC) e máis a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia. A xornada contou cun mercado de ideas, espazos maker, presentacións, demostracións e unha manchea de actividades de traballo en rede para mozas e mozos emprendedoras/es de toda España.
A creadora da iniciativa finalmente recoñecida é, como dixemos, a enxeñeira industrial Andrea Aguilella Merelas. Resultou a gañadora do concurso Este é o meu pitch co proxecto Enelatril, unha ferramenta nun primeiro paso presentada como unha aplicación e que se dirixe a permitir a preparación útil e eficaz de presentacións e relatorios para falar en público. O proxecto Enelatril foi seleccionado previamente como unha das mellores iniciativas entre as máis de 500 propostas emprendedoras que se deron cita no sexto Encontro Nacional Yuzz, celebrado nesta edición na capital de Cantabria. Andrea Aguilella defendeu o seu proxecto nun pitch de 30 segundos sobre o escenario e tivo unha caseta para explicar a súa idea aos asistentes ao evento. A iniciativa de seu recibiu finalmente o recoñecemento do público, da organización e dos patrocinadores do evento, obtendo como premio unha viaxe a Silicon Valley.
No evento, entre outros persoeiros do ámbito público autonómico e do emprendemento, participou o presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, quen asistiu acompañado por Ángel Pazos, reitor da Universidade de Cantabria; Federico Gutiérrez-Solana, director de CISE, e José Antonio Villasante, director xeral de Banco Santander e de Santander Universidades, quen animou a que outras cidades acollan vindeiras edicións destas xornadas de networking para mozos emprendedores. Segundo fixeron saber o gran obxectivo do YuzzDay é “fortalecer ligazóns de colaboración entre participantes, profesionais e mentores de toda España”. Ademais, sinalaron, fornece aos seus participantes a oportunidade de crear sinerxías e coñecer a traxectoria de emprendedores de primeiro nivel nunha contorna de innovación, creatividade, tecnoloxía e emprendemento.
O evento contou cos espazos de 10 UpCorners, un mercado de ideas no que dez emprendedores -elixidos entre máis de 900 participantes de toda a contorna estatal- tiraron partido dunha caseta para vender o seu proxecto e obter “financiamento ficticio” (Yuzzo$) dos asistentes, que durante esta xornada convertéronse en business angels.
Os 3 proxectos que recibiron maior investimento pasaron ao final pitch, onde foron expostos nos seus detalles fronte a un tribunal de expertos. Este tribunal decantouse finalmente por Enelatril, aplicación creada por Andrea Aguilella do Centro Yuzz Santiago de Compostela, como gañadora da viaxe a Silicon Valley.
Os outros dous finalistas recibiron 400 euros para continuar desenvolvendo os seus proxectos: Lotness, unha start-up que desenvolve unha nanotecnoloxía que impide que os tecidos se manchen (impulsada por Daniel García do Centro Yuzz Universitat de València); e X-Migrations, unha plataforma que fomenta o turismo ecolóxico (ideada por Manuel Rafael Elena do Centro Yuzz Murcia).
Pola tarde, os mozos puideron ser protagonistas na zona maker, un espazo adicado á impresión 3D, ao desenvolvemento de aplicacións móbiles, á xeración de prototipos, á robótica e á realidade virtual. Ademais destas actividades, o evento contou con relatorios a cargo de expertos como Leandro Fernández Macho, director de Neurozona; Amparo de San José, Business Angel e directora da rede de investidores de IESE; Simón Menéndez Sardonil, responábel de educación de Ashoka España, e Ana Borrego, directora de dominio de emprendemeento na área corporativa de innovación de Banco Santander.

PUBLICIDADE