A iniciativa eXXperimenta en Feminino recibe o XVI Premio Clara Campoamor

mércores, 23 de febreiro do 2022 S. P.

O proxecto eXXperimenta en Feminino, impulsado dende o Campus de Ourense para aumentar a cifra de mozas que optan polas vocacións científico-tecnolóxicas, recibiu o XVI Premio Clara Campoamor polo seu traballo de base a prol da igualdade. O galardón foille concedido polo Concello de Ourense debido tamén ao labor despregado polo proxecto na divulgación de referentes femininos STEM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática).
“Este premio é un recoñecemento a todo o traballo de base, a todo o traballo coral, realizado polas investigadoras e profesoras dos centros do campus de Ourense que participamos en eXXperimenta en Feminino, polo que agradecemos moitísimo a súa concesión”. Con estas palabras, o colectivo, formado por un centenar de docentes da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría da Universidade de Vigo, recibiu este luns 21 de febreiro a nova da concesión do XVI Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades que outorga o Concello de Ourense.
O xurado decidiu conceder por unanimidade o galardón “ao grupo de profesoras eXXperimenta en Feminino pola promoción, visualización e posta en valor de referentes femininos nas ciencias, as tecnoloxías, as enxeñerías e as matemáticas (STEM), pola divulgación a través de exposicións das achegas das mulleres a estas ciencias, servindo de modelo e concienciando á mocidade sobre a necesidade de contribuír, homes e mulleres en igualdade, ao desenvolvemento científico e tecnolóxico da nosa sociedade”. Igualmente, o xurado destacou que “cos seus traballos divulgativos contribúen a romper estereotipos de xénero nas titulacións universitarias, en especial nas STEM, hiperrepresentadas por homes”.
O premio entregarase o día 9 de marzo, co gallo da conmemoración o día 8 do Día Internacional das Mulleres.
Como coordinadoras do colectivo premiado, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo, salientan a súa sorpresa e agradecemento pola concesión do galardón. “Isto anímanos moito a seguir traballando. Este premio é o colofón a un ano no que cremos que se deu un avance moi importante en eXXperimenta en Feminino, poñendo a iniciativa ao servizo de toda a sociedade ourensá a través da celebración da súa feira anual na rúa”, comentan. Antes da pandemia, indican, a iniciativa aglutinaba a arredor de 120 investigadoras e profesoras do Campus de Ourense, cifra que se viu reducida neste último ano a arredor de cen debido ás limitacións provocadas pola pandemia. “eXXperimenta en Feminino é un traballo de todas; sen o compromiso e o enorme esforzo que fan todas as investigadoras e profesoras que participan nela coa divulgación e coa igualdade non sería posible”, apuntan desde a organización da actividade.
eXXperimenta en Feminino naceu no ano 2018 arredor da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Desde entón, cada ano organiza, co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, ademais das escolas e facultades implicadas, a súa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Este ano por primeira vez a feira saíu das instalacións universitarias e trasladouse, co apoio do Concello de Ourense, á céntrica rúa do paseo da cidade da Burgas co obxectivo de que centros educativos e familias puidesen visibilizar como a investigación “tamén é cousa de mulleres”. Máis de 250 escolares visitaron esta edición.

PUBLICIDADE