A iniciativa Code.org premiada polo CPEIG

martes, 16 de maio do 2023 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia do presente ano a Code.org, organización sen ánimo de lucro que ten como misión que cada alumno en cada escola do mundo aprenda a programar, da mesma maneira que aprende outras materias como matemáticas, álxebra ou bioloxía.
Code.org é a plataforma formativa en programación máis grande do mundo, xunto con Khan Academy, independente e apartidista, creada en 2013 en Estados Unidos polos irmáns xemelgos Hadi e Ali Partovi. Conta co apoio de referentes globais políticos, institucionais, económicos e sociais como Barack Obama, Justin Trudeau, Bill Clinton, Bill Gates, Jeff Bezos, Mark Zuckerberg, BONO, Malala, Richard Branson ou Iván Duque, entre outros. E está financiada por empresas como Microsoft, Facebook, Amazon, a Fundación Infosys ou Google, entre moitas outras.
Ofrece acceso gratuíto e universal ao contidos traducidos a máis de 60 idiomas. Actualmente, dispón de 80 millóns de estudantes ao redor do mundo, a metade mulleres, e dous millóns de contas de docentes. É o principal provedor de programas de estudos de ciencias da computación para o período K-12 nos distritos escolares máis grandes de Estados Unidos.
Unha das actividades de Code.org é Hora del Código, un taller práctico no que se aprenden conceptos básicos de programación que foi deseñado por Hadi Partovi para desmitificar as ciencias da programación e demostrar que calquera pode aprender a programar. Na campaña anual La Hora del Código rexistráronse o pasado ano máis de mil millóns de horas realizadas. En España, rexistráronse en 2022 uns 850 eventos da Hora del Código. 200.000 novos docentes interesáronse polos contidos en programación de Code.org e máis de 600 docentes formáronse nesta materia.

PUBLICIDADE