A informática pericial, eixo dunha nova xornada do CPETIG en Ourense

luns, 23 de marzo do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia segue adiante co seu labor de divulgación (e reflexión) acerca dos moitos ámbitos de interrelación que se crean na confluencia das novas tecnoloxías e a investigación policial e xudicial. Nesta liña sitúase unha xornada de balde prevista para o vindeiro 7 de abril, organizada polo CPETIG e encamiñada a achegar recursos e coñecementos a estudantes, principalmente, pero tamén a público en xeral interesado nestas cuestións. A Xornada de Informática Pericial contará coa presenza de “recoñecidos expertos”. Celebrarase, de 16.00 a 20.00 horas, na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo en Ourense.
O evento, sinala o colexio galego, está estruturado en dúas partes nas que intervirán como relatores Víctor Salgado Seguín, avogado-socio do bufete Pintos&Salgado, e José Luis Rivas López, responsábel de LIFe, Laboratorio de Informática Forense Europeo. Os contidos da xornada, engaden os organizadores, “teñen a singularidade de mesturar unha sólida parte teórica cunha parte de exposición de casos prácticos”. Deste xeito, Victor Salgado centrará o seu relatorio na normativa procesal pericial e na normativa substantiva da pericia tecnolóxica, con referencia ao dereito informático, á propiedade intelectual e aos delitos tecnolóxicos, como a defraudación electrónica. Na segunda parte da xornada, José Luis Rivas abordará inicialmente a orixe da análise forense e rematará o seu relatorio con tres casos prácticos, o primeiro deles sobre un centro de chamadas con software problemático, o segundo consistente nun ataque a un servidor dunha universidade e o terceiro caso sobre unha posíbel e fuga de información nunha empresa por parte dun traballador.

PUBLICIDADE