A información do inventario forestal continuo de Galicia ao alcance nunha nova web

luns, 31 de outubro do 2022 Redacción

A Consellería do Medio Rural, en colaboración coa AMTEGA, vén de desenvolver un novo portal web con toda a documentación e información do Inventario forestal continuo de Galicia. Trátase dunha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos.
Nese senso, cómpre apuntar que os novos mapas de usos e especies forestais de media e alta resolución do distrito XIV Verín-Viana xa están a disposición pública e os resultados amosan unha suba da superficie ocupada por especies de frondosas caducifolias. Así mesmo, poden verse as presentacións do proxecto do Inventario, artigos científicos, así como todo o relacionado cos cursos gratuítos de formación para poder participar como persoal de campo na toma de información das parcelas de inventariación.
A nova web enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería do Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVigo) en 2020, de cara ao desenvolvemento do referido Inventario forestal continuo. As actuacións comprendidas no acordo están dirixidas a realizar un traballo conxunto entre as institucións para coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia e desenvolver plenamente a necesaria produción científica e académica en materia de inventarios forestais dos bosques galegos.
Nesa liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariación que están a recoller as brigadas da empresa pública Seaga baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo na páxina web que se vén de estrear.

PUBLICIDADE