A información da Técnopole métese de cheo nos nosos dispositivos móbiles

luns, 17 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Técnopole de Ourense vén de ampliar as canles de comunicación coas que mantén contacto coa comunidade internauta. E faino co punto de mira nas tecnoloxías miúdas: os teléfonos intelixentes (smartphones) que posibilitan practicamente as mesmas vantaxes que un computador pero coa vantaxe da mobilidade. O obxectivo da Tecnópole é saír de viaxe con quen sexa preciso. Isto significa que calquera usuario destes positivos poderá visualizar a versión especial da nova páxina do parque tecnolóxico. O aplicativo pódese descargar de balde dende a Apple Store para o IPhone e no Android Market para aqueles trebellos que corran con estoutro sistema operativo. Por certo que este servizo coincide con outra novidade na comunicación en liña da Tecnópole: a estrea da súa renovada páxina web.
Entre outras melloras, o novo sitio do parque TIC de San Cibrao das Viñas (en Ourense) inclúe unhas condicións de navegabilidade optimizadas e unha maior visibilidade nas aplicacións 2.0 ás que dá acubillo, as participativas. Con isto, a Tecnópole busca tirar o máximo partido de ferramentas de comunicación que xa son de uso cotián e que posibilitan maior contacto co internauta: Twitter (a canle de microblogging), Flickr (a comunidade para compartir fotos), Google Calendar (a aplicación de axendas), YouTube e Vimeo (ámbalas dúas redes sociais de vídeos). Ademais, o complexo industrial galego permite a subscrición ao seu boletín en liña mediante o protocolo RSS para que sexa accesible, ademais de mediante correo electrónico, a través dos lectores de feeds, como Google Reader.
Por certo que na nova páxina os internautas poden tamén facer unha viaxe virtual pola Tecnópole utilizando o mapa Tecnópole 3D, que permite visualizar o alcance do que será a próxima ampliación da superficie a case o dobre da actual.
Volvendo á versión específica para teléfonos móbiles, dicir que se apoia na busca das mellores condicións de rapidez e comodidade para o acceso á información da Tecnópole. Ao mesmo tempo, púxose especial atención en acadar un achegamento certeiro dos datos, dándolle prioridade ao que en palabras dos responsables do complexo galego realmente importa: o traballo das empresas e centros tecnolóxicos instalados no recinto, que son de novo protagonistas e que contan con esta web específica cun apartado propio de seu. “As novas, o calendario de eventos, a información sobre a entidade, o enlace ás redes sociais e o acceso ao menú diario da cafetería, ás últimas convocatorias de axudas ou aos horarios de autobuses ata o recinto, entre outras cousas, son os principais elementos da aplicación”, informa Tecnópole.

PUBLICIDADE